19/6/18

Para nós o matar é unha honra...

"Foi un cazador de homes. Era da mesma feitura cun Camilo do Rubio, xefe da escuadra negra de Vilamaior, dun Pepe do Cabo de Bacorelle, dun Louredo de Bóveda, con outros da escuadra negra a asasinar en Remesar a Alexandre López López ou dun Amieira de Vilaesteba, que despois de participar no asasinato do socialista de Paradela Dositeo Pérez Fernández, afirmou “Que se joda!. 

Para nós o matar é unha honra”. Estaba feito da mesma madeira cun Manuel do Edra de Santalla, cun Pepe das Bustaregas, cun David de Vilamaior cun Teodoro de Mide, a poñer lume nos montes de Castro de Rei de Lemos para que ardesen os fuxidos, ou daqueloutro, cómplice a morte do veciño de Paradela Perico de Caraba, a berrar tras o crime “Un lacón máis ó pote que xa hai outro porco morto”

Chamábase Xulio López López pero todos o coñecían como “O Garabito”. Nado en 1909 en Reiriz, O Saviñao, en mala hora foi casado para a casa das Cochorras, criadas do cura da parroquia de Castro de Rei de Lemos, n´As Reigadas, Paradela, adheríndose a Izquierda Republicana, integrándose no seu comité de dirección, participando en actos de propaganda e xogando un papel destacado nas labores de axitación anticlerical que mesmo remataron na queima de varias igrexas.

 Até o comezo do golpe fascista formou no pobo democrático, chegando a ser un dos organizadores da resistencia aos sublevados, participando na requisa de armas e colaborando no rexistro da casa dos dereitistas. 

Porén non tardou en converterse no seu criado, mudando de banda e afiliándose á Falanxe en setembro de 1936 co aval do seu protector, algo máis segundo as malas linguas e crego de Castro de Rei de Lemos Francisco López Ochoa.

Formou nas bandas de matachíns de camisa azul. Un 4 de Marzo de 1937, canda Manuel Castro Castro “O Eirexalba e outros que non se citan na causa, detivo e sacou de paseo Manuel Armesto López e Teodoro López López “Teodoro da Seara, declarando as testemuñas escoitar ao Garabito afirmar “non cantas, xa cantarás”, liberando despois a Manuel Armesto tras pagar súa nai unha cantidade de diñeiro e deixando morto a Teodoro da Seara tras roubarlle do peto o diñeiro da venda dun becerro.

 Noutra ocasión, a comezos de 1937, xunto ao Manuel Castro “O Eirexalba” e Xaime González “Xaime de Agroxoi”, foron a por Francisco Armesto López, pedindo primeiramente 250 pesetas pola súa liberdade, continuando unha vez entregado o diñeiro coa intención de pasealo, sendo finalmente liberado de mans destes polas forzas do exército no lugar da Parrocha en Paradela cando ían proceder a execución. 

E así moitas máis souberon da crueldade do Garabito, como Perico de Caraba, cuxos berros de dor se sentiron en toda a parroquia de Pacios, ou Manuel de Ferreira, sen máis delito que ser fillo do dirixente republicano fuxido Xulio López.

O seu nome aínda mete medo. Sentenciado a pena de morte tras confirmar a súa participación no asasinato de Teodoro López López en Aldosende, concello de Paradela, fusilado en Lugo o 2 de Xuño de 1942, a súa lembranza fai tremer nos tempos de hoxe aos veciños da comarca de Sarria. 

A súa execución non ten a ver co seu papel na persecución dos demócratas, senón con algunhas accións contra individuos sen significación política ou mesmo de dereitas, coma o párroco de Remesar Manuel Pumar ou o cura de Castro de Rei de Lemos Francisco Ochoa, de cuxo asasinato en Febreiro do 37 chegouno a responsabilizar a propia garda civil nos seus informes internos. 

Será precisamente a morte deste último, con quen partillaba vivenda e pasaba polo seu protector, o que rematou por decidir o futuro do Garabito, obrigando primeiro a alistarse como voluntario no exercito para fuxir da represión e posteriormente a permanecer con identidade falsa até 1941."              (Cilia Torna, Sermos Galiza, 17/06/18)

No hay comentarios: