"O 12 de xaneiro de 1938 foron asasinados en Mondoñedo Siervo González Rivas, Graciano Paz Amieiro e Manuel Rodríguez Núñez.
80 anos despois os tres recibirán unha homenaxe a través dunha
iniciativa veciñal, apoiada pola totalidade dos grupos que forman parte
da corporación municipal. (...)
"Os tres homenaxeados foron uns mindonienses
bos, asasinados polo seu compromiso social e pola súa entrega a un
Mondoñedo mellor, socialmente máis xusto, desenvolto culturalmente e
democraticamente avanzado", destaca Xulio Rodríguez (...)
Siervo González Rivas
(Mondoñedo 1886-Mondoñedo 1938), foi funcionario municipal (recadador
de impostos), directivo da Sociedade de obreiros católicos, presidente
da sección local da Confederación Nacional do Traballo e militante do
Partido Sindicalista e da Unión Socialista Galega, sendo cabeza de lista
desta forza política nas eleccións ao congreso de 1933.
Logo da
sublevación do 18 de xullo de 1936 foi sometido a depuración e expulsado
do seu posto. Graciano Paz Amieiro “O Latoeiro”
(Mondoñedo 1893-Mondoñedo 1938), foi tesoureiro da Sociedade de
obreiros católicos desde 1926 até 1932, directivo do Sindicato de
oficios varios da CNT e militante da Unión Socialista Galega. Manuel Rodríguez Núñez (Mondoñedo
1893-Mondoñedo 1938), era comerciante e ocupou responsabilidades
directivas na Sociedade de obreiros católicos, de cuxo orfeón fixo
parte; militou ao tempo na CNT, no Partido Sindicalista e na Unión
Socialista Galega.
Os tres foron asasinados entre as catro e as cinco da
tarde dese 12 de xaneiro, rexistrándose a súa morte a causa de
"traumatismo por arma de fogo". Os seus cadáveres foron deixados na Travesa dos Remedios. (...)
O pasado ano Ramón Ermida presentou a súa obra Mortos por amor á terra, destacando que “a represión política que se viviu en Mondoñedo a partir de 1936 é tamén resultado da viveza da sociedade mindoniense no período republicano.
Un Mondoñedo que contaba con agrupacións políticas como o PSOE,
Izquierda Republicana, Partido Galeguista, Partido Sindicalista e mesmo
coa Unión Socialista Galega.
Un Mondoñedo cunha importante presenza
sindical, na que destacaba a CNT e a UXT que organizaban importantes
mobilizacións no primeiro de maio, pero tamén un Mondoñedo vivo
culturalmente, como testemuña o xornal nacionalista Galiza,
impulsado por Álvaro Cunqueiro, a oficina poética do Noroeste Galego,
ou a celebración dos Maios. O Franquismo sen dúbida algunha representou
un punto e aparte na historia de Mondoñedo”.
Ermida engadiu que “a proba do
nove da dureza da represión franquista son os 8 mindonienses asasinados
a consecuencia da súa militancia democrática”, lembrando que
29 veciños da localidade sufriron algún tipo de represión pola súas
ideas políticas. O autor destacaba a acción dos grupos paramilitares
entre os que salientaba o coñecido como o “coche do cangrexo” ou “coche
do centolo”, formado maiormente por falanxistas de Ribadeo e de Viveiro." (Praza Pública, 23/12/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario