5/2/18

O Reisiño, un cura de pistola ao cinto...

"Foi un cura de pistola ao cinto. Estaba feito da mesma madeira dun Xosé Toubes, párroco de San Pedro de Mezonzo, fundador do Ideal Gallego  e terrorista naquela Coruña de 1936, dun Manuel Doval ou Xosé Gago Tarrío, os dous no Salnés e tamén en Euskadi, para volver da fronte co bastón de mando do alcalde asasinado de Urrieta ou dun Ramón Mosteiro Ferro, o arcipreste de Ordes, a chuzar contra os progresistas da localidade para facer efectiva a condena de  morte.



Era de igual feitura do que un Padre Nieto, aquel frade ruín, a meter terror e a pedir mortos no campo de concentración da illa de San Simón, do que un Luciano de Uriarte, daquela caste de misioneiros do Sagrado Corazón que remataron de capeláns castrenses, do que un López Galuá en Ribadeo, a sinalar obxectivos ás escadras fascistas, do que un cura de Cangas, a anotar os obreiros das obras da casa do pobo para facer listas negras, do que un cura de Beluso, de Zas, Cerdedo, Culleredo, Seixalbo e así ate non rematar.



Chamábase Emilio Álvarez Martínez pero todos o coñecían por “Reisiño”. Á volta de 1914, debido aos bos oficios de Vales Failde diante da Casa Real, os mesmos que fixeron a Lago González arcebispo de Compostela e a Eixo Garai arcebispo de Madrid, foi nomeado predicador da Capela Real e posteriormente capelán de honra de Afonso XIII. 

Saíu de  Madrid de 1920 co alcume de “Reisiño”, pola súa proximidade ao monarca, e cunha ampla listaxe de relacións privilexiadas para continuar unha brillante carreira eclesiástica, iniciada no seminario de Tui, seguida no seminario central de Santiago de Compostela e prologada na parroquia de Santiago o Maior de onde marchou á Corte, con só trinta e tres anos. 

E volveu a Vigo, para dirixir a recentemente fundada parroquia de San Francisco, e foi un non parar, presidente e impulsor da Asociación da Vista Antoniana, xefe da beneficencia municipal, profesor de relixión e moral no instituto da cidade e párroco titular de San paio de Ventosela.



Á altura de 1932, impulsou a creación da asociación  Martín Codax, fogar e refuxio de todo o Vigo reaccionario que chegou a agrupar a máis de catrocentos asociados, diríamos hoxe think tank daquela dereita viguesa españolista e monárquica, que promoveu obras teatrais de Pemán e Pemartín, dramaturgos de cabeceira da España de orde e colaboradores habituais de Acción Española, auténtico organizador colectivo da opinión reaccionaria no período republicano. 

Martín Codax foi a casa  berce da extrema dereita da cidade, o punto de encontro da Renovación Española, organización liderada por Calvo Sotelo que merecería a homenaxe do colectivo, e de Falanxe Española, sinalándose entre os seus primeiros dirixentes, directivos do colectivo como Xosé Vázquez Fernández, Xavier Vázquez Ozores, Emilio Torrado Rivas ou Eduardo Canitrot Robles.

 Ao fin, foi a forza de choque da contrarevolución no Vigo republicano, organizando grupos violentos para combater coa forza ás reivindicacións obreiras, as demandas nacionais é as forzas políticas populares.



E foi cazador de xentes de ben a partir de xullo de 1936. Aquelas agrupacións paramilitares pensadas na Martín Codax, coas mans manchadas de sangue de demócratas vigueses desde 1935, non tardaron en poñerse á tarefa que a nova situación esixía. Alí estaba “Reisiño”, como sinalaron diversas publicacións sobre o terror fascista en Galiza publicadas no exilio: 

“Personaxe importantísimo do falanxismo en Vigo é un crego moi coñecido, monseñor Emilio Álvarez, alias “O Reisiño”, xefe de Falanxe, daqueles que deciden sobre a vida e a morte dos cidadáns vigueses. …é un tipo cativo, enxoito de movementos lixeiros e dunha crueldade feroz. Home sen ningún escrupulo moral, entregado a todos os vicios e aberracións, preside unha agrupación da mocidade intitulada Martín Codax, en que formou un cadro de declamación que serve unicamente para os seus manexos a prol do fascismo e das súas preferencias persoais” [texto tirado de Galicia mártir. Episodios del terror blanco en las provincias gallegas (Hernán Quijano, pseudónimo que se atribúe a Luís Seoane].

E chamábase “O Reisiño”, morreu en Vigo o 27 de abril de 1954, sufrindo, laiando e delirando coas súas vítimas, coma todos."                 (Cilia Torna, Sermos Galiza, 26/01/18)

No hay comentarios: