Rosario Hernández "A Calesa, moza violada e asasinada aos 20 anos, após o golpe fascista de 1936
"(...) As violacións, como testemuñou nas súas memorias a presa comunista Juana Doña, tiñan a ver “con
el sadismo de sentir debajo de ellos unos cuerpos que se desgarraban de
horror en un acto que estaba hecho para el placer, convirtiéndose, por
tanto, en la reafirmación del machismo”.
A falta dun estudo de conxunto sobre este tema en Galiza, cuestión
que debe ser abordada con urxencia, debemos suplila cos dados que nos
fornecen monografías ou traballos realizados sobre a represión
franquista no ámbito comarcal. Así coñecemos, entre outras, as
violacións da bibliotecaria e pedagoga da Coruña Juana Capdevielle e da mestra de Miño María Vázquez, unha e outra asasinadas.
Outro tanto acontece con algunhas vítimas do masacre de Montecubeiro en Castroverde como Manuela Graña ou coa veciña de Navia, asasinada en Cangas de Foz, María del Carmen Pérez y García. Anuncia Casado Atanes “A Pasionaria”, unha labrega de Viana do Bolo, foi violada antes de ser asasinada no lugar das Reverdeitas no camiño da Gudiña a Viana e Carme Jerés,
unha enlace da guerrilla da Fervenza no Barco de Valdeorras, correu a
mesma sorte en Monteares, perto de Ponferrada.
E así podíamos seguir con
Carme Pesqueira “A Capirota” en Marín ou Rosario Hernández "A Calesa", unha vendedora de xornais de Vigo cuxo corpo foi fondeado e desaparecido no mar das Cies.
A grande maioría das informacións sobre as violacións das demócratas
chegáronos a través das fontes orais, correlato lóxico do carácter
paralegal desta tipoloxía represiva; porén, a propia a documentación
xerada polo franquismo fornécenos dados sobre o tema. Nun recente
traballo publicado no volume colectivo Os nomes do terror, editado por Sermos Galiza,
recupérase dun consello de guerra diversa documentación que certifica
estas prácticas por parte dos falanxistas na comarca de Sarria.
Así nun
informe da propia Falanxe afirmase que “a otros los llevaban a la
carcel y para que pudieran verlos sus familiares, precisaban obtener de
ellos unos volantes de autorización para el Jefe de la Cárcel, habiendo
explotado también estas autorizaciones, cuya obtención dio lugar incluso
a violaciones de esposas e hijas de los detenidos y como precio para la
obtención de la libertad”.
Na mesma liña, e noutro documento recollido nesa mesma causa, neste caso elaborado pola Jefatura Nacional de Seguridad do Goberno de Burgos, en relación coa actuación dos falanxistas de Sarria sinalaba que
“se hicieron toda clase de violaciones con mujeres que no tenían más
delito que el de gustar fisicamente a sus propios inmoladores”.
As violacións foron unha práctica represiva moi estendida, cun
alcance que supera de longo a atención que mereceu o tema no plano
historiográfico. Actuacións semellantes as que vimos de sinalar
para o caso da comarca de Sarria, atopámolas en informacións orais
recollidas para o caso de compañeiras e fillas con familiares retidos
nos campos de concentración de San Simón ou das Figueiras, no concello
estremeiro de Castropol.
Aínda así, como teñen documentado os
investigadores de Nomes e Voces Domínguez Almansa, Gustavo Herbella, Antonio Somoza e Lourenzo Fernández Prieto,
as violacións permaneceron moito máis agochadas que outras prácticas
represivas nas testemuñas das propias vítimas.
O silencio destas, tanto
no espazo público como privado, ou a falla de vontade por transmitir
estes feitos no propio ámbito familiar é consecuencia directa do
patriarcado, que operou como un bozo para as vítimas e como un pano para
excluír esta realidade do relato sobre a represión." (Cilia Torna, Sermos Galiza, 09/09/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario