13/4/12

Hitler matou a moitos xudeus, pero non matou a tantos opositores coma Franco

"O que houbo foi un democidio, unha matanza da pobo. Pero en canto a vítimas da represión o franquismo non foi mellor que o fascismo italiano. É máis: Hitler matou a moitos xudeus, pero non matou a tantos opositores coma Franco.  (...)

Defende o termo “violencia paralegal”, que incluiría os paseos, asasinatos realizados ao abeiro da lei de fugas... Dos verdugos, salienta aos falanxistas, e a responsabilidade dos militares por acción ou por omisión. Do mesmo xeito, subliña que parte deles foron ex-militantes de esquerda. Ou que non eran só desclasados, senón tamén xente da elite.

As milicias armadas actuaron algunhas veces con autonomía, pero iso non exime de responsabilidade ás autoridades militares, cuxa actitute foi a inhibición porque a violencia das milicias servía aos seus intereses.

 En canto aos ex-militantes de esquerda, hai que ter en conta que na Segunda República se querías traballar en obra pública tiñas que estar nun sindicato. Non foi, por iso, só unha cuestión de medo ou de vontade de ascender socialmente. É que xa antes de unirse aos golpistas non tiñan un compromiso político coa esquerda.

E, contra o tópico de que eran só desclasados, hai que dicir que tamén había fillos dos señoritos das mellores familias, que participaban nos ataques ao lado dos gardas civís, milicianos...

A violencia paralegal, por outra banda, adopta moitas formas: operacións de ocupación das poboacións e de castigo e limpeza, fusilamentos sen formación de causa e en aplicación do bando de guerra, paseos, sacas, aplicación da lei de fugas, execucións de prisioneiros durante o traslado á retagarda, e outros asasinatos baseados na posición de poder que os golpistas lle dan ao suxeito activo dos mesmos.

En Galicia o 70% das mortes foron extraxudiciais. E non é igual que fosen dun xeito que doutro, porque iso danos respostas sobre a represión: onde houbo máis e menos resistencia...

A historiografía é clara na cuestión de que a violencia franquista foi planificada e non mero froito do contexto de guerra. Onde está o debate entón?

Se comparamos Galicia con Andalucía ou Extremadura, veremos que nas dúas últimas a violencia extrema exerceuse desde o momento do golpe, porque a resistencia foi forte. En Galicia non houbo guerra máis que uns días, e nun primeiro momento e mentres non se clarificaba que ía pasar, mesmo deixaron libre a xente que retiveran.
Foi cando se viu que o golpe non triunfaba cando as represalias se fixeron máis fortes. (...)

Tamén discute que os eufemismos que aparecen na documentación agochando os asasinatos se deberan ao intento de negalos para non danar a imaxe dos golpistas. Do mesmo xeito, entende que a práctica de dispersar os corpos respondeu a unha estratexia máis de imposición do terror.

Unha Lei do Rexistro Civil do 1870, que permaneceu vixente nove décadas, establecía que cando a morte fose violenta, se producise no cárcere ou por execución capital non se fixese constar esa circunstancia no Rexistro Civil.

Eu non creo que houbese unha intención de ocultamento: ao contrario. Nas certificacións que se remitían aos xuíces desde os cemiterios figuran expresións como “pasado por las armas”. Tamén o traslado dos corpos a outra parroquia respondía a un costume máis antigo e tamén establecido pola lei.

Os cadáveres non identificados que presentaban sinais de morte violenta non eran enterrados ata que o xuíz puidese practicar as dilixencias oportunas, e se ninguén reclamaba o corpo enterrábase na parroquia máis próxima. O peculiar de Galicia foi a dispersión.

Noutros lugares a pauta foron as fosas comúns. Non se trataba de protexer o anonimato dos verdugos nin de agochar os cadáveres. Senón de manifestar a absoluta arbitrariedade e desmesura da violencia.

Prefire definir as vítimas por unha cuestión de status, máis que de clase. Nunha sociedade, di vostede, na que a adscripción política de cada quen dependía ás veces máis da fidelidade ao notable local que a unha cuestión ideolóxica.

A represión foi selectiva, dirixida prioritariamente contra os sectores que ostentaban poder, recoñecemento e influencia social e se identificaran con posicións republicanas, esquerdistas ou anticlericais: mestres, profesionais, pequenoburgueses, obreiros, labregos, mariñeiros... parte deles dirixentes políticos ou sindicais.

 E se miramos o ámbito local, a esquerda e a dereita non se definían moitas veces por unha cosmovisión oposta, senón que os dous bloques se formaran en base a outro tipo de fracturas. Como a lealdade a un notable, pois as relacións clientelares seguían a ser moi determinantes, malia os avances da Segunda República.

A violencia tivo ademais un compoñente irracional, basado nas rencillas e vinganzas de todo tipo. A imprevisibilidade de quen podía ser a vítima era un xeito máis de reforzar o terror."          (Dioivo, 03/04/2012)

No hay comentarios: