"No antigo partido xudicial de Pontedeume, os historiadores identificaron 235 asasinados polos fascistas despois do golpe de Estado de 1936. Pero a suma dos castigados pola ditadura é máis alta: desde 1938 a 1942, un número indeterminado de persoas foron condenadas a traballos forzados na construción do chamado "muro de Porto", un valo de cachote de 65 metros que terma dun desmonte realizado onde se atopaba o antigo pazo dos Andrade.
"Non os mataron pero tiveron que sufrir unha dupla condena", explica o deseñador Pepe Barro -creador do proxecto gráfico de Nós Diario-,"porque a aquelas persoas, que tiñan que traballar no muro, sen remuneración ningunha, durante longas xornadas laborais, víanse impedidas para desenvolver un traballo que lles permitise a subsistencia, co cal tamén as súas familias eran castigadas". Barro é o autor dun proxecto presentado polo Ateneo Fernán Martís de Pontedeume que pretende recuperar a memoria daquelas vítimas do franquismo e transformar "o que é un muro da vergoña nun muro de honra" que lles renda homenaxe.
O proxecto presentouse publicamente o pasado día 14, nun acto no que participaron o historiador Bernardo Máiz, Valentín Bóveda -neto de Alexandre Bóveda e vicepresidente da Fundación que leva o seu nome-; o presidente do Ateneo, Xoán Lourenzo, e o propio Pepe Barro, que contou coa axuda do arquitecto Jorge Salgado.
"Queremos traer á memoria o sufrimento destas persoas das que non coñecemos os nomes. Na documentación municipal non se reseña a man de obra escrava, preocupáronse de que non quedasen rastros" explica o deseñador. O que se coñece é grazas aos familiares que sobreviviron e que contan como era a amarga vida daqueles condenados.
A arbitrariedade do terror
Os motivos polos que eran castigadas estas persoas eran do máis
inicuo: desde estar afiliados a un partido político de esquerdas a
terlle asubiado a un crego cando paseaba. Ou mesmo por levarlles un
bocadilo aos que xa estaban condenados, mal alimentados e nunha
condición física penosa. "Non houbo piedade en absoluto. O fascismo é
sempre arbitrario, e iso é o que provoca o terror. Temos que aproveitar
esta ocasión ara facerlles xustiza as vítimas, mais tamén para que a
mocidade coñeza o que pasou, o sufrimento destas persoas castigadas
durante a ditadura por defender a legalidade. Teñen que saber que o
fascismo nunca é unha solución".
Homenaxe ás vítimas
O Ateneo Fernán Martís vai propor ao Concello de Pontedeume que aproveite as melloras previstas na zona para que leve a cabo esta homenaxe as vítimas. "O Ateneo toma esta iniciativa ao coñecer que o Concello vai acometer obras de renovación do pavimento desa rúa que está en mal estado. O interese é pór sobre a mesa de todos os concelleiros este proxecto con todos os acontecementos históricos que o fundamentan, para homenaxear non só a estes condenados anónimos na súa maioría, senón en xeral, a todos os represaliados e asasinados polos fascistas".
A intervención é sinxela e, ademais dunha mellora xeral do muro e unha iluminación soterrada, contempla a construción dunha peza vertical de formigón branco, que contraste coa cor do valo, no que se abre unha fiestra pola que só se ve o muro. Baixo deste van, os versos de Celso Emilio Ferreiro:
O teito é de pedra.
De pedra os muros
i as tebras.
As pedras,
as cadeas
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
A caída do pazo dos Andrade e a construción do muro
O pazo dos Andrade en Pontedeume situábase entre o monte Breamo e a
ría; pasado o momento en que os muros desenvolvían un papel defensivo,
aquel espazo viuse como un impeitizo que debía ser eliminado para
ampliar o porto e crear terreos edificábeis. Mais ao facer o desmonte,
era preciso un muro de contención que termase da explanada resultante.
Despois dunha longa batalla legal, aprobouse a obra cos fascistas xa no
poder, que recorreron á man de obra escrava para a construción." (Manuel Xestoso, Nós, 20/12/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario