4/5/18

Mulleres que eran unha cadea de desamparo. Como Rosario Hernández, a Calesa, secuestrada, violada, torturada, mutilada e tras ser asasinada levaron o seu corpo preto das Cíes, onde foi fondeada baixo unha placa de ferro...

"Son herdeira dunha estirpe de mulleres que plantaron a semente do que son hoxe. Milicianas de bravura, guerrilleiras que facían de cada día unha vitoria, mestras que descubrían o mundo con horizontes preñados de luz. Mulleres que sabían que se non loitaban estaban perdidas. Mulleres capaces de vencer o mundo.
 
Tamén son herdeira daquelas mulleres que tiñan presente e quedaron sen futuro. Mulleres ás que lles borraron os privilexios da pel. Mulleres que administraron o silencio e a dor. Mulleres que pasaron os seus días de cárcere en cárcere como sementes que arrastra o vento. Mulleres entregadas ao sacrificio por ser unxidas coa primeira cor do espectro solar: o vermello.

Mulleres para as que a fraxilidade da vida era o seu único premio. Mulleres humilladas dobremente por ser mulleres. Nais cos seos secos que sorrían con dentes maltreitos. Nais que perderon os seus fillos nun bombardeo, camiño do exilio ou por fame e desnutrición. Nais ás que lles roubaron os fillos as mentes enfermas franquistas.

Mulleres que eran unha cadea de desamparo. Nais, irmás, esposas e noivas de presos que compartiron as consecuencias da represión, que teceron a rede da solidariedade. Mulleres que trazaron resistencias invisibles contra a ditadura.

Mulleres derrotadas, aprendidas en soidade, castigadas e mutiladas como a terra, que revestiron de loito ata o último pregue do seu corazón.

Mulleres republicanas. Fillas de vermellos, esposas de vermellos, nais de vermellos, irmás de vermellos. Mulleres coas que o franquismo non puido, que morreron en silencio e coa ferida aberta, porque o tempo non cura e a transición non tapa.
Ninguén lles pediu perdón.

A morna Lei da memoria histórica esqueceuse delas ao non incluílas como vítimas da represión. Esqueceuse de miles de mulleres que foron vexadas e represaliadas durante a guerra e a posguerra polos vencedores, que exerceron sobre elas múltiples violencias.
Ninguén lles pediu perdón.

Talvez porque a República foi das mulleres, moitas a defenderon como bandeira da súa propia dignidade. Loitaron para conquistar o sitio que lles correspondía nunha sociedade entre iguais e non dubidaron cando o golpe de estado fascista quixo arrebatarlles os logros conseguidos. Moitas deixaron a vida no intento.

As mulleres que defenderon a legalidade republicana foron perseguidas, torturadas, violadas, encarceladas, inhabilitadas, executadas, silenciadas.

Houbo mulleres que se uniron ás Milicias Galegas como Marciana Pimentel, Esperanza Rodríguez Gómez, Paulina Rodríguez, ou Enriqueta Otero Blanco.

Houbo mestras como Josefa García Segret, condenada á pena de morte, máis tarde conmutada; María Vázquez Suárez, fusilada nunha praia de Miño; Mercedes Romero Abella, violárona, cortáronlle os peitos e executárona na Costa do Sal; Concepción González-Mosquera, cuxo corpo foi atopado sen vida en Riazor; Ernestina Otero, depurada e inhabilitada; Elvira Bao Maceiras, encarcerada ao comezo da guerra e separada do ensino; Placeres Castellanos Pan, que ademais actuou como enfermeira do Socorro Vermello. 

Exiliouse en Francia e incorporouse á resistencia. O franquismo acabou coa vida do seu marido, Víctor Fraiz e o seu fillo.

A represión abarcou a toda a poboación feminina, desde intelectuais como Juana Capdevielle, asasinada cando estaba embarazada ou María Brey Mariño, a tía vermella de Rajoy. Tamén se estendeu a mulleres do ámbito rural como Pilar Fernández Seijas, Josefa Barreiro, Carmen Sarille, Virginia Meilán, Manuela Graña e Carmen Pesqueira Domínguez, a Capirota.

Os seus cadáveres eran expostos á vista pública en estradas, praias e camiños, como ocorreu con Anunciación Casado Antares, cuxo corpo sen vida foi trasladado polos veciños nun carro ata o cemiterio. Outras, ante o temor da represión fascista optaron polo suicidio, como Carmen de Miguel Agra, que formou parte do suicidio colectivo do bou Eva.

Todas permanecen no doloroso recordo, como Amada García, aferrada ao seu pequeno fillo de tres meses antes de ser fusilada; como Rosario Hernández, a Calesa, secuestrada, violada, torturada, mutilada e tras ser asasinada levaron o seu corpo preto das Cíes, onde foi fondeada baixo unha placa de ferro; como Ángela Igrexas Rebollar, asasinada xunto ao seu marido baixo a acusación de refuxiar fuxidos.

Houbo valentes mulleres que formaron parte da guerrilla, que non dubidaron en tomar as armas e outras que realizaron unha tarefa imprescindible como colaboradoras na clandestinidade dos maquis que habitaban os montes de Galicia, como Consuelo Rodríguez López, Chelo; a súa irmá Antonia, Clarisa Rodríguez, que cando a levaron para interrogala estaba embarazada e días despois o seu cadáver apareceu nunha cuneta con signos de ser violada; Carmen Jerez, que morreu tamén embarazada e tras violala durante meses déronlle morte a tiros; Enriqueta Otero Blanco, condenada á pena de morte, que conmutada, a fixo permanecer case vinte anos entre reixas; Carmen Fernández Seguín, muller e nai de guerrilleiro, encarcerada durante trece anos.
Houbo máis, moitas máis, como Urania Mella, María Teresa Alvajar, Joaquina Dorado, María Miramontes... nais, avoas, irmás, fillas...

Ninguén lles pediu perdón.

Son herdeira da súa historia, da súa loita e do seu imposto esquecemento. Por iso debo falar no seu nome, devolverlles a palabra, resgar o veo de indiferenza e impunidade que as cobre e procurar que algún día se lles pida perdón.

(María Torres, De Herdeiras, de Carmen Penim, 2017, Libro-CD, pág. 74-77, en Búscamen en el ciclo de la vida, 08/03/18)

No hay comentarios: