28/2/18

Pontevedra homenaxea a solidariedade veciñal fronte á represión franquista

"As Corseteiras, Josefina Arruti, Emilia Osorio, Ángel Arosa, José Costas Lorenzo e outras moitas persoas anónimas. Estas serán as protagonistas o vindeiro luns 27 ás 20.30 horas no Teatro Principal na homenaxe á Pontevedra boa e xenerosa, unha xornada de "agradecemento a todas as persoas que durante o golpe militar de 1936 e durante o franquismo foron solidarias coa súa veciñanza". 

Tal e como destaca o Concello, este acto pretende ser "un percorrido pola Pontevedra dun tempo gris que ollou agromar a solidariedade axudando nas fuxidas, dando agocho aos inocentes, compartindo comida coas familias ás que lle saquearan a casa, tecendo roupa no cárcere ou escribindo cartas polos que non sabían facelo". O municipio homenaxea así figuras tan habituais en tantas cidades, vilas e aldeas de Galicia e tantas veces esquecidas. 

En Pontevedra, foron moitas as mulleres que prestaron axuda aos presos de Figueirido e moitas tamén as que se fixeron “madriñas” dos presos de San Simón para lavarlles a roupa e ofrecerlles algo de comida. Tal e como destaca o Concello, foi moi "loable" a actuación levada a cabo polo médico de Xeve, José Costas Lorenzo. O doutor ía atender os fuxidos ás agachadas, levando de a cabalo, para despistar aos gardas, a súa afillada Ángeles, apenas unha meniña.

Ademais, outro dos "acenos solidarios máis fermosos" xurdiu entre as mulleres encarceradas na Normal de Pontevedra. Entre elas, as que pertencían ao Socorro Rojo, as que participaran en manifestacións do Primeiro de Maio, as que apoiaban a Fronte Popular e mulleres de homes perseguidos. 

"Todas teceron redes solidarias para axudarse, dentro e fóra de prisión", destaca. 
Alén destas figuras, o Concello destaca as Corseteiras, as irmás Aurora, María, Niza e Nieves Martínez, que criaron a Carlos, o fillo de Manuel García Filgueira, alcalde da cidade no momento do golpe e fuxido, e de Emma Mourón, retida durante meses por non revelar o acubillo do seu home.

"Fóra do agocho e das reixas do cárcere, as familias marcadas pola barbarie forxaron fondas amizades, atopando pulo no apoio mutuo e na pouca xente que na Boa Vila non lles daba as costas", asegura o Concello, que destaca que "ás veces era só un aceno", como o daquela rapaza anónima que, "no tempo do medo, sinalou cunha pedra a foxa onde os asasinos de Edelmiro Dios o meteran ás agachadas". 

Outras un gran xesto, coma o do construtor Ángel Arosa, que fixo de balde unhas obras no taller de bordado de Rita Sobrido, viúva do mestre Germán Adrio, no que se xuntaban moitas tardes varias das nenas que quedaran orfas aquel mesmo 12 de novembro en que Rita enviuvara.

Como lembra a administración local, "ata cos mortos foi Pontevedra solidaria". A pesar dos anos de cárcere e arresto e dos insultos da xente, Josefina Arruti e a súa sogra, Emilia Osorio, foron solidarias e abriron o panteón familiar para dar acubillo aos restos mortais de ducias de
homes. Así, Aurora Adrio, orfa do 12 de novembro, lembra como a súa nai e a súa avoa lle daban flores en cada visita ao cemiterio para depositalas sobre as foxas sen nome. (...)"       (Praza Pública, 26/11/17)

No hay comentarios: