Celestino Poza Cobas
"O home da barba longa debía andar preto dos 70 anos.
Levaba na man dereita unha pelota de goma, coa que facía exercicios para
fortalecer as articulacións. Seica lle quedara atrofiada nun dos traslados de prisión,
nas laxes frías do cárcere de Cambados, paralizada talvez polo terror ou polas
torturas ou pola carraxe de ver aqueles lobos azuis que campaban no verán do
36.
Os pardais pousábanlle nos ombreiros para comer as
migallas de pan que recollía na cociña. Camiñaba pola illa-prisión remedando os
paseos desde Pontevedra aos Praceres. Andaba de vagar, contando os pasos, agora
estou en Mollavao, cheguei a Ponte Muíños, pasei a Igrexa, xa se ve preto a
Punta do Cabo e o Hotel, máis lonxe a illa de Tambo... Era a representación
humana da bondade, dos ideais nobres que sobrevivían alí, no medio da ría de
Vigo, na illa presidio en que vivían recluídos os que coma el loitaran pola
república e a liberdade.
O home da barba longa era, antes de xullo do 36, un home rico. Mais sobre todo era un home xeneroso e solidario. Fundara unha empresa de automóbiles e puxera en pé un hospital na rúa dos irmáns Muruais. Fora concelleiro no concello de Pontevedra e elixido deputado pola Fronte Popular en febreiro do 36. Casado con Consuelo Pastrana, o matrimonio tivo seis fillos: Marina, Celestino, Electra, Luis, Consuelo e Aurora.
Cando a igrexa e os militares se fixeron donos de todo, dos bens e da vida, dos soños e da esperanza, o ancián médico republicano, laico e masón, foi detido, encarcerado, torturado, trasladado a distintos cárceres da provincia. Tamén os seus fillos Luís e Tino foron detidos. E os automóbiles e o hospital saqueados e incautados.

O home da barba longa, o amigo dos pardais, foi
trasladado á illa de San Simón. Compartiu os días do presidio co seu fillo
Tino, médico coma el. Alí recibiron a noticia da condena a morte de Luís,
fusilado na Caeira o 12 de novembro do 36. No mesmo mencer tenebroso no que foi
fusilado José Adrio Barreiro, casado coa súa filla Aurora.
Aquela noite, aquela
madrugada infinda de dor e de insomnio, na illa de San Simón, o vello da barba
longa e o seu fillo Tino e os amigos máis próximos compartiron as horas sen
esperanza no pequeno cuarto do pabillón que ocupaban desde que se negaran a
aceptar un lugar de privilexio nas oficinas do cárcere.
Mais houbo privilexios que si aceptaron. O de curar as
feridas do corpo e da alma. O de coidar os enfermos. O de animar e consolar aos
tristes e derrotados. O privilexio da dignidade, que nunca os abandonou, nin
nos peores días daquel tempo infame, cando ían matando, un a un, os compañeiros
de loita: Bóveda, Victor Casas, Caamaño, Abraham Zbarski, Telmo Bernárdez...
A dignidade que fixo estremecer a terra baixo os pés o
día en que o vello da barba longa e o seu fillo Tino e Evaristo Mosquera e os
evanxélicos de Marín se negaron a comungar, na cerimonia relixiosa do día do
patrón da illa, o 28 de outubro de 1938. Diante das autoridades militares e
relixiosas, naquel día de desfiles e discursos e banda de música, aqueles homes
escribiron unha fermosa lección de dignidade e de coraxe. Porque estaban presos
si, mais non estaban derrotados.
O home da barba longa, o amigo dos pardais, seguiu
escribindo a súa historia de xenerosidade cando chegaron os vellos á illa, inzados
de piollos e pulgas, esfameados, desorientados, enfermos e tristes. Foi daquela
cando ordenou poñer ao lume grandes potas que empregaban nas cociñas e ferver
nelas as roupas daqueles anciáns.
E era unha imaxe de espanto a da masa branca de piollos que saian flotando á superficie...Despois do cárcere, despois da morte que abateu a familia, despois da dor e do expolio, seguiu en pé, loitando sempre na mesma causa.
E cando morreu, o 8 de agosto de 1956, aos 88 anos, o seu corpo foi soterrado no cemiterio civil de Pontevedra. E alí segue, faro de luz da Galiza resistente, da república laica e solidaria. Para sempre, Celestino Poza Cobas, o nome da dignidade humana." (Non des o esquecemento, 10/04/16)

1 comentario:
gallego español lucido adelantado humanista de firme voluntad.Gonzalo Flecha
Publicar un comentario