"A Coruña contaba con 94 concellos en 1936. Nos días e semanas que seguiron ao Golpe de Estado, 14 dos alcaldes foron asasinados
(máis outras catro persoas que foran rexedores nos anos anteriores) e
outros 32 tiveron que fuxir ou exiliarse, foron encarcerados ou
sancionados. 72 concelleiros foron igualmente asasinados.
Son as cifras que atopamos no proxecto Xeración Perdida. Representatividade institucional republicana e represión na provincia da Coruña, impulsado pola Deputación e levado a cabo polo grupo HISPONA (USC) baixo a dirección do profesor Emilio Grandío.
Os primeiros resultados desta investigación foron presentados este
mércores na sede da Deputación pola súa vicepresidenta, Goretti
Sanmartín Rei, e polo propio director do proxecto. Goretti Sanmartín
lembrou que a iniciativa continúa o ronsel aberto pola homenaxe ás corporacións democráticas que a institución levou a cabo o verán pasado.
"Manexabamos
unha primeira listaxe mais detectamos a ausencia dun estudo profundo e
rigoroso que botase luz sobre as corporacións que foran asoladas pola
represión fascista”, explicou a vicepresidenta, que sinalou que espera
que o proxecto se converta nunha “importante ferramenta que se
pon a disposición dos concellos para que poidan facer homenaxes e
restituír a memoria de quen nos precedeu nas corporacións municipais que
merecen ser lembrados e recoñecidos despois de décadas de silencio”.
Sanmartín fixo especial mención á figura da concelleira de Boiro,
Brígida Muñiz, a única muller que aparece na listaxe mais que convida a
reflexionar “sobre unha represión aínda máis oculta que é a de todas as
mulleres que, coma ela, foron rapadas e humilladas e viron a súa vida
truncada despois do golpe militar”.
Na web da Deputación pode consultarse esta primeira base de datos,
cos nomes dos 300 alcaldes e concelleiros que sufriron a represión
franquista (entre eles Enrique Rajoy Leloup, avó de Mariano Rajoy), 90
deles directamente asasinados.
"Tivemos que baleirar arquivos de
toda a provincia. O primeiro problema a resolver consistía en saber
quen eran os concelleiros en 1936, algo que en moitos concellos era
descoñecido ata agora", destaca Grandío subliñando as
dificultades que o equipo que dirixe atopou para identificar as
corporacións municipais republicanas, sobre todo nas localidades máis
pequenas.
A base de datos completarase, ao final do proxecto, coa
reconstrución completa das 2.500 persoas que compuñan as corporacións
municipais anteriores a 1936 e coas fotografías de moitas delas, nun
arquivo para o que se recompilaron xa 150 imaxes.
"Queríamos contestar o tópico de que a represión se facía
exclusivamente por motivos ideolóxicos. Estes eran moi importantes, por
suposto, pero tamén había motivos militares e de control social. Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia.
O obxecto da represión son sobre todo as corporacións municipais da
Fronte Popular, que sofren o 80% de todos os actos de represión contra
representantes públicos. Pero ese outro 20% non se pode entender sen
outras explicacións", explica Grandío.
"Os representantes municipais eran un elemento simbólico da República, do sistema anterior, daquilo contra o que se dá o Golpe. Despois dos Gobernadores Civís, o símbolo máis importante eran os alcaldes, e despois os concelleiros", di.
Analizando os datos, vemos como a represión foi especialmente dura en determinadas comarcas, sobre todo do norte da provincia. "Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte [10 alcaldes ou ex-alcaldes asasinados].
En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que
ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en
tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra
con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a
represión contra os representantes democrático tivo moita maior
intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada
desa estrutura de orde pública", destaca Grandío.
O historiador destaca o fondo efecto social que tiveron os asasinatos e
outro tipo de castigos infrinxidos aos representantes públicos
republicanos, así coma as consecuencias que o golpe dado a esta xeración
tivo para o futuro das súas localidades: "Hai que ter en conta
que as persoas represaliadas nestas corporacións pertencen a unha franxa
de idade moi nova, entre os 20 e os 40 anos.
Máis aló de cuestións
ideolóxicas, era a xeración máis activa, con maior capacidade de
traballo, de innovación, de achegar cousas novas. E esa
xeración quedou anulada, ben totalmente, a través da súa morte, ben a
través doutras fórmulas de represión, contra eles e as súas familias. E,
ademais, provocouse un efecto paralizante no resto da sociedade. A
consecuencia foi que a compoñente de modernización que lograra a
República quedou totalmente castrada".
O traballo, coordinado por Emilio Grandío, foi realizado por un equipo formado por Eliseo Fernández Fernández, Alfonso Iglesias Amorín, Rosalía Regueiro Méndez e Manuel Pérez Lorenzo e
que contou tamén coa colaboración de destacados coñecedores da historia
local como Juan Sobrino (Eume), Manolo Pazos (Ordes), Henrique Sanfiz
(Fene), Carlos Castro (Neda), Bernardo Máiz (Ferrolterra), Xoán Hermida
(Barbanza), Xesús Torres (zona de Betanzos), Xosé Luís Rivas (Boimorto) e
Luís Lamela (Costa da Morte). O grupo destaca que as persoas que
queiran achegar máis información sobre este tema poden empregar o
enderezo electrónico xeracionperdida@dacoruna.gal.
Representantes municipais asasinados
Alcaldes asasinados: Juan Manuel Vidal García
(Arzúa), Tomás López Datorre (Betanzos), Álvaro Puentes Antón
(Cabanas), Manuel Fernández Freijeiro (Cedeira), Alfredo Suárez Ferrín
(A Coruña), Ramón Souto González (Fene), Cipriano Fernández Brage
(Fisterra), Jesús Castaño Galdo (Mañón), Pablo Rico Couceiro
(Monfero), Juan Prieto Balsa (Mugardos), Antonio Fernández Pita
(Sada), Ángel Casal Gosende (Santiago), Alejandro Porto Leis
(Serantes), Antonio Iglesias Corral (Vilasantar).
Ex-alcaldes asasinados: José López Lourido (Ares),
José Novo Rodríguez (Betanzos), Jaime Quintanilla Martínez (Ferrol),
Alfonso de Cal y Fernández (Valdoviño).
Alcaldes represaliados doutro xeito: Benito Feijóo
Seguín (Ares, exiliado), Eduardo Martínez Palleiro (Arteixo,
encarcerado), Ramón Beade Méndez (Betanzos, encarcerado), Pedro López
Bodelo (Boimorto, encarcerado), Andrés Arnoso Calvo (A Capela,
procesado), José Monteagudo Rodríguez (Carballo, encarcerado), Eduardo
Valdés Pardo (Carral, sancionado), Arturo Vila Moure (Coristanco,
exiliado), José Louzán Martínez (Culleredo, exiliado), Benjamín Núñez
Sanmartín (Curtis, procesado), Antonio Santamaría López (Ferrol,
exiliado), Ramiro Suárez Moreno (A Laracha, exiliado), José Filgueira
Pérez (Lousame, fuxido), José Sande Lois (Malpica, fuxido), Antonio
Gómez Carneiro (Mesía, encarcerado), Ricardo Pérez Medín (Miño,
exiliado), Manuel Tobío Romaní (Muros, procesado), José Veloso
Mayo (Muros, procesado), José Agrelo Puertas (Muxía, sancionado), Germán
Vidal Barreiro (Noia, exiliado), Severino Iglesias Siso (Noia,
procesado), Avelino Rico Suárez (Oroso, encarcerado), Alfredo Rebollar
Martínez (Ortigueira, encarcerado), Marcial Villaverde Viqueira (Oza dos
Ríos, encarcerado), Antonio Pérez Gómez (A Pobra do Caramiñal,
fuxido), Joaquín Cousillas Collazo (Ponteceso, exiliado), Manuel López
Seijo (Pontedeume, procesado), José Fernández Bermúdez (Ribeira,
procesado), Jesús Mariño N. (Porto do Son, encarcerado), Frutos Burgos
Ramos (Valdoviño, exiliado), José Alborés Gándara (Vimianzo,
encarcerado), Jorge Varela Rial (Zas, encarcerado).
Concelleiros asasinados: Manuel Vidal Pardo
(Abegondo), Benito Gómez N. (Ares), Bernardo Miño Abelenda (Betanzos),
José Tojo García (Boimorto), Ramón Vázquez Garea (Boimorto), Manuel
Espiñeira López (Boimorto), Antonio Felpete Budiño (Boimorto), José
Barreiro Pérez (Boimorto), Juan Martínez Bao (Boimorto), Ramón Enjamio
Pombo (Boimorto), Ramón Sánchez Rapela (Boimorto), Rodrigo Álvarez
Gantes (Boiro), José Caballero Rubio (Boiro), Juan Francisco Outeiral
Outeiral (Boiro), Manuel Brión Suárez (Boiro), Joaquín Rodríguez
Rodríguez (Cabanas), Manuel Buhigas Novo (Cabanas), Juan Pereira
Maceiras (Cabanas), Jacinto Campaña Martínez (Camariñas), Luciano Costa
García (Cambre), José Pérez Ferreño (Cambre), José Regueira Vila
(Carballo), Jacobo Caramelo Alonso (Carral), José Mosquera Rivas
(Carral), José Cipriano Durán Fraguela (Cedeira), Jesús Lourido
Arriví (Cedeira), José Vergara López (Cedeira), Nicasio Pérez Senra
(Cedeira), José Lago Beceiro (Cedeira), José López
Teijeiro (Cedeira), Jesús Chouza Filgueiras (Cee), Martín Ferreiro
Álvarez (A Coruña), Andrés Iglesias Garrote (Fene), José Agras Gómez
(Fene), Eduardo Barcia Rodríguez (Fene), Eugenio Casal Vila (Fene), José
Pita Pita (Fene), Manuel Morgado González del Valle (Ferrol), José
López Bouza (Ferrol), Obdulio López Acea (Irixoa), Nicanor Villar
Martínez (Mazaricos), José Tenreiro López (Miño), Juan Pico González
(Monfero), Benito Souto Corral (Monfero), Andrés García Marcos
(Monfero), Antonio Eytor Canizo (Mugardos), Ramón Ríos Sordo (Mugardos),
Victoriano Rascado Souto (Mugardos), Juan Rey Pena (Mugardos), José
López Leira (Narón), Luis Pita Armada (Ortigueira), Manuel Breijo
Lorenzo (Ortigueira), Narciso Polo Paz (Ortigueira), Aureliano Correa
Jamardo (Padrón), Eduardo Castroagudín Pérez (Padrón), Luis Nodar Castro
(Pontedeume), Manuel Ramos Fernández (As Pontes), Francisco Guerreiro
Guerreiro (As Pontes), Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo), José Germán
Fernández (Santiago), Constante Liste Forján (Teo), Reinaldo Sarria
Delgado (Valdoviño), José Ambrós Gordillo (Valdoviño), Albino Dopico
Gutiérrez (Valdoviño), Manuel Varela González (Vilarmaior), José María
Varela Salido (Vilarmaior), José Caamaño Lema (Vimianzo), Manuel Alborés
Gándara (Vimianzo)." (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 01/06/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario