Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria)
"En Galiza aínda se descoñece que nos campos de concentración nazis había republicanos galegos”. Afirmábao o verán pasado en conversa con Sermos Galiza Heladio Anxo Fernández, coordenador dunhas xornadas en Monterrei en homenaxe ao seu veciño Joaquín Balboa, o preso número 3833 no campo nazi de Mauthausen (Austria).
Varios centos de galegos pasaron polos campos de exterminio nazis difire. Principalmente Mauthausen-Gusen, mais tamén houbo galegos en Dachau (onde se facían experimentos cos prisioneiros) ou Sanhsenhausen, onde foron asasinadas máis de 30.000 persoas.
O 27 de xaneiro conmemórase O Día internacional en memoria das
vítimas do holocausto. A data elexida é a da liberación de Auschwitz, o
27 de xaneiro de 1945 polo Exército Vermello. “A primeira patrulla rusa veu o campo no mediodía do 27 de xaneiro de 1945...”. Así lembraba Primo Leví en ‘A Tregua’
o inicio do que ía ser a liberación deste campo de exterminio situado
en Polonia e cuxo nome pasou resumir o horror do inferno
nacional-socialista.
A Pobra, Bueu, As Nogais, Baltar...
Mauthausen-Gusen foi o principal destino para os galegos que acababan
nos campos de concentración. En 1943 foi clasificado como de ‘categoría III’,
o que supuña moita maior severidade e castigos. No seu tempo tivo a
mortalidade máis alta de entre os campos do III Reich. En 1942 había alí
14.000 presos, En 1945, en Mauthausen e subcampos, 84.000. Tamén
galegos. Os prisioneiros eran empregados como man de obra para traballar
en condicións escravistas na canteira de granito.
Segundo ‘Triángulo azul: los republicanos españoles en Mauthausen 1940-45’,
nese campo morreron 102 galegos. A maior parte deles, segundo os
arquivos, de cidades, vilas e aldeas da provincia da Coruña (42 mortos):
Ferrol, A Pobra do Caramiñal, Fisterra, Malpica, Mugardos...
Da provincia de Lugo, 21 mortos nese campo (presos orixinarios de localidades como As Nogais ou Viveiro, por exemplo). Outras 21, de Ourense (Baltar, A Veiga...). Un total de 18, da provincia de Pontevedra, de vilas como Bueu, Carril, Vilagarcía ou cidades como Vigo.
A morte axexaba de todos os xeitos posíbeis aos republicanos alí
presos: rebentados polo duro traballo inhumano na canteira, fusilados,
afogados, colgados ou mallados a paus.
Os republicanos comezaron a chegar a ese campo de concentración en
1940. En abril de 1941, segundo as listaxes, rexístranse as primeiras
mortes de galegos. José Fidalgo (Castiñeiras-Ribeira) e Francisco Varela (Vilagarcía). En febreiro de 1945, poucos meses antes da liberación deste campo, falecía Arturo Gómez, de Pontevedra. Un cento de galegos deixaron a vida nese campo de exterminio.
Dachau: o laboratorio dos experimentos con humanos
Mais non só en Mauthausen foron asasinados presos galegos. En Dachau,
perto de Munich e dirixido por T. Eicke, e onde se levaron centos de
experimentos con prisioneir@s; tense constancia de 2 galegos que
perderon alí a vida: Santiago Durán (de Ribadavia) e Eliberto Fernández
Cid (Augassantas). Por Dachau pasaron 200.000 prisioneiros de 30 países.
No campo de Sanhsenhausen (Brandenburgo) morreu o
veciño de Vilaboa Antonio S. Nogueira. En Sanhsenhausen –onde, entre
outros, estivo preso Largo Caballero, presidente do goberno na II
República española- foron assasinadas por volta de 30.000 persoas.
Perto de 9.000 republicanos, entre eles centos de galegos, foron deportados a Alemaña. Sobreviviron pouco máis de 2.000. " (Sermos Galiza, 27/01/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario