28/6/16

Descubriron que os asaltantes eran coñecidos, case veciños...

"Había oito días que dous homes lle roubaran a dona Aurora, con casa patrucial, ao outro lado da ponte. O mesmo día 5 á noite, logo de que o caseiro venderá unha vaca na feira de Chantada, presentáronse en nome do Piloto, esixíndolle os cartos.

Dona Aurora, tía e madriña de cregos (un capelán militar), gardas e militares, muller de rosario e misa diaria, quedara abraiada. Roubarlle a ela, pola forza, no medio da noite, cando moitas veces lles dera de comer ao Piloto e a Mirelle. A Ela, que acollía a filia do señor Santiago e a facía pasar por unha súa sobriña mestra, como a outra que tiña, a Sita. Ela, que nunca temerá os guerrilleiros, atracada así á noite...

O Piloto tivera novas polo Matías, así que puxo a andar os seus correos e enlaces e atopou un falanxista do Saviñao, o Reina, que se facía pasar por guerrilleiro para roubar e amedrentar os veciños.

Foi búscalo. Esixiulle as cinco mil pesetas e outras dez mil máis de multa, se non quería que o matase, e el mesmo llas tivo que devolver a dona Aurora coas desculpas máis fondas e sentidas.

En Riopedroso a señora Dosinda, a estanqueira, recibiu un "anónimo" da guerrilla no que lle esixían que depositase na burata da súa tenda, que daba a nabeira do Carril, 10.000 pesetas dentro de tres noites, ameazándoa con "tomar fortes represalias" se non pagaba.

A señora Dosinda estivera en Cuba. Tanto ela coma o seu home Perfeuto eran de esquerdas. El masón na Habana. Así que lles fixo saber a algúns veciños aquela petición tresleada.

Un deles, Francisco, da casa de en fronte, tiña contactos coa guerrilla e afirmou taxativo que aquela petición non era do Piloto, pois a guerrilla non deixa anónimos senón que fai as peticións por un propio ou por un enlace.

Reunidos con outros veciños, decidiron que a Dosinda depositase o sobre, tal e como lle pedían, pero que xa estarían eles vixilantes.

Apostáronse toda a noite en dúas fiestras e nun tellado. Alá as catro da maná, apareceu un home cuberto con pasamontañas desde o lado do regato. Deixáronlle coller os cartos. Nese momento, apareceu un segundo. Cando ían emprender a retirada, déronlles o alto, cun tiro de advertencia, enfocándoos cunha lanterna redonda, de alcance, que fora da Garda Civil.

Descubriron que os asaltantes eran coñecidos, case veciños. Un deles, o Chinan, cun irmán casado no mesmo lugar. Ambos levaban anos fuxidos e distinguíranse durante a República por queimar santos e desfacer procesións. Nunca se integraran na guerrilla. Co tempo, fixeron vida normal sen pasar sequera polo cárcere ao non ter delitos de sangue."                 


(Afonso  Eiré:  O Piloto.  O último guerrilleiro. Ed. Hércules de Ediciones, A Coruña, 2015; p. 97/8)

No hay comentarios: