14/1/19

Ela soubo por vía indirecta quen o executara e tivo que convivir cos asasinos que ficaron libres de toda culpa... “Era habitual que os represores quedaran con propiedades e obxetos de valor das vítimas“

"O 11 de xaneiro de 1938, un piquete de gardas civís e falanxistas asasinaron en Mondoñedo a Siervo González, Graciano Paz e Manuel Núñez.


O silencio impúxose sobre este episodio da represión franquista durante oitenta anos. “Os familiares están coñecendo aínda agora, en terceira xeración, o que pasou realmente. Con sesenta anos, están descubrindo datos básicos”, subliña Antonio Reigosa, que este sábado moderará unha mesa redonda sobre a traxectoria vital dos asasinados.


O coloquio seguirá á inauguración dun monolito de homenaxe aos tres mindonienses no parque dos Remedios, a carón do vello cemiterio municipal onde apareceron os seus corpos.

“Ata a morte de Franco, o medo gobernouno todo. Quedou no ambiente e transmitiuse de xeración en xeración. Aínda así, sorprende que ninguén puxera nada na súa memoria”, engade Reigosa, que pode contar en primeira persoa como o terror gobernou a memoria íntima e a colectiva.


“A miña familia tiña relación coa filla de Graciano. Cando matan a seu pai era moi pequena, e súa nai non lle falou do asunto. Supoño que non lle quixo trasladar a dor á súa filla. Sen embargo, ela soubo por vía indirecta quen o executara e tivo que convivir cos asasinos que ficaron libres de toda culpa, protexidos pola coiraza do réxime“, expón o cronista.

Reigosa detense noutra proba do esquecemento. “Non conseguimos localizar ningunha fotografía dos asasinados, nin nos arquivos familiares, nin nas hemerotecas, en ningures. Algo chamativo se temos en conta o seu activismo e significación política e social. A ver se os mataron dúas veces? O corpo e o rastro“, observa.

 

IMPUNIDADE



No artigo “A impunidade e a represión fascista nas terras da Mariña luguesa” (Os nomes do terror, 2017), Carlos Nuevo Cal apunta que os nomes dos autores materiais diluíronse na “impunidade xeneralizada dos vencedores”.


“Era habitual que os represores quedaran con propiedades e obxetos de valor das vítimas“, abonda o focense Xosé Ramón Ermida Meilán, estudoso da represión franquista e membro da comisión organizadora da homenaxe.

“Moita xente en Mondoñedo dicía que un dos gardas civís que participou no asasinato levou durante anos o anel dun dos fusilados“, revela.

“Puidose facer algo nos primeiros anos da democracia, cando moitas destas persoas estaban vivas e había testemuñas directas destas atrocidades, pero non se fixo. Para iso serviu tamén a Transición“, reflexiona Reigosa.

 

COMPROMISO SOCIAL E POLÍTICO



Os asasinados destacaron pola súa significación política no ámbito da Unión Socialista Galega (USG) –González foi candidato ás Cortes Republicanas– e da Confederación Nacional de Traballadores (CNT).


As súas traxectorias vitais coincidiron tamén no seo da Sociedade de Obreiros Católicos, onde lideraron un grupo crítico que cuestionaba as contas e o funcionamento da entidade, opoñéndose ao poder da Igrexa. Enfronte tiñan ao cura Xosé Agrelo.

O conflito ideolóxico desenvocou na expulsión de 80 socios da entidade en 1932. “Non foi un conflito máis se pensamos no contexto no que se produce. Volve a República e con ela certas liberdades. Hai eleccións reguladas e libres e os partidos de esquerda teñen sitio”, amplia Reigosa.

 

“MÁIS DE 76 VÍTIMAS”



A comisión organizadora da homenaxe a Siervo, Manuel e Graciano remarca que son “tres exemplos da dura represión que viviu Mondoñedo após 1936” con asasinatos, cárcere, sancións e depuracións “ate sumar máis de 76 persoas”.


O 12 de setembro de 1936, nas Voltas do Prado, foron asasinados os veciños de Ribadeo Bruno Martínez Fernández “O Barquillero”, Antonio Martínez López, Henrique Navarret García, Florencio Carballo Novegil e o líder da CNT de Viveiro André Vale “O moreno de Cobas”.

 

FOSA NO CEMITERIO



Os seus corpos foron enterrados no cemiterio municipal. A Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (ARMH) tentou recuperalos en 2009 nunha das primeiras intervencións que realizou en Galicia, pero pechou a investigación sen logralo.

Os arqueólogos concluíron que as fosas, documentadas mesmo con fotografías, desapareceran a consecuencia doutros enterramentos posteriores.


Tamén foron asasinados en Mondoñedo Xosé Antonio Díaz Álvarez, veciño de Ove e dirixente do sindicato La Prosperidad, fusilado en Argomoso; o tamén ribadense Xesús Longarela e o dirixente socialista do Marco de Álvare, na Pastoriza, Benito Folgueira Trashorras."                   (Vanesa Gómez Lourido, Xornal da Mariña, 11/01/19)

No hay comentarios: