12/2/18

As historias invisibilizadas das mulleres do Deza represaliadas polo Franquismo

"Son innumerables as historias persoais de represión, de morte, cadea ou exilio, que aínda descoñecemos. Moito máis nas zonas rurais. E moitísimo máis no caso das mulleres. "Hai moitos casos de mulleres represaliadas polo franquismo que aínda non foron rexistrados", dicía nesta entrevista o deputado Luís Bará, realizada ao fío da publicación de Non des a esquecemento. “Faltaban moitos nomes, sobre todo de mulleres, que foran detidas, torturadas, violadas, rapadas…", destacaba.

De igual xeito, Manuel Igrexas, profesor no IES Laxeiro de Lalín, vén de recoller no seu blog Historias de Deza as historias dun feixe de mulleres desta comarca que sufriron a represión franquista a partir de 1936. 

Na introdución do texto sinala que "a excepción duns poucos nomes de paseadas ou fusiladas, poucas veces as mulleres aparecen citadas nos estudos sobre a represión franquista en Galicia. Pero estas tamén foron represaliadas tanto física como económica, laboral ou psicoloxicamente. Foron moitas as mulleres violadas, rapadas, humilladas e obrigadas a beber aceite de rícino". 

 "As últimas investigacións eliminaron moitos tópicos e agora forman parte da historia real dos derrotados. Pouco a pouco imos coñecendo a dureza das vidas que levaron esas mulleres, porén hai moitos casos dos que cómpre saber en detalle", engade.

Historias coma a de María Carmen Sánchez Sanmartín, nacida en Lalín en 1903, detida en xullo de 1936 e sometida a un consello de guerra, acusada de auxilio á rebelión e condenada á pena de 15 anos de reclusión temporal. 

Ou a de María Andrea Valladares Carballo e outras mulleres da comunidade protestante da parroquia de Vilar (Silleda). María Andrea estaba acusada de “saludar con el puño cerrado” e foi xulgada en consello de guerra, acusada de auxilio á rebelión e condenada a 20 anos de prisión, pena conmutada cinco anos despois.

Ou as das mestras purgadas pola Comisión Depuradora do Maxisterio. Foron sancionadas coa suspensión e/ou co traslado a outra localidade Milagros Gómez Fernández, mestra de Bais (Agolada), Juana López Elicegaray, de Besexos (Vila de Cruces), Carmen López López, de Vilarello (Dozón), Peregrina Besada Álvarez, de Cadrón (Lalín), Benita Gallego Varela, de Moneixas (Lalín), Emilia Barros Muíños, de Palmou (Lalín), María Lareu Yáñez, de Sello (Lalín), Higinia Fráiz Villanueva, da Bandeira (Silleda), Efigenia Novas Solla, de Parada (Silleda), Encarnación Seoane Golmar, de Saidres (Silleda) e Elisa García Arguindey, de Taboada (Silleda).

Especialmente violenta foi a represión exercida contra as donas e familiares de fuxidos e guerrilleiros. Laura Nicolás Esperante, militante do Partido Galeguista e que casou en 1943 co guerrilleiro Eugenio Rueda Perosanz, foi detida en 1948 e xulgada nun consello de guerra, condenada a dous anos de cadea. 

Nesa mesma redada de 1948 foi detida a súa irmá, Josefa Nicolás Esperante, xulgada pero non procesada. E tamén foron detidas Inés Blanco Donsión, Josefa Diéguez Froiz Estrella Souto Ramos, xulgadas no mesmo proceso. Josefa foi condenada a seis meses de prisión, marchando despois de Lalín para vivir en Vigo. Inés non foi condenada, pero tivo que exiliarse en Venezuela. 

Tamén sufriron a represión as familiares de Antón Alonso Ríos mestres este estaba fuxido, disfrazado como o siñor Afranio. A súa nai e as súas tres irmás foron acusadas de colaborar coa república e ter ideas esquerdistas. E tamén Rogelia Sanmartín Amigo, dona de Luís Frade Pazos, primeiro tenente alcalde de Lalín na última corporación republicana e asasinado en 1936. Ou Rosa Abeledo Albarellos, muller de José María Montouto Rodríguez, tamén asasinado ese mesmo día."               (Praza Pública, 11/02/18)

No hay comentarios: