5/4/17

E ela sempre me comentaba chorando que ela non podía durmir cando estaba solteira porque oía pasar nos camións á xente que ían fusilar

"(...) - Na asemblea da CRMH elixírono por unanimidade "pola súa insubornable e constante defensa dos valores republicanos e polo seu labor en prol da recuperación histórica". 

- Iso si, date conta que eu nacín en plena dictadura franquista. E na dictadura non podías expresarte con palabras, tiñas que recorrer ás ideas. Parece disparatado pero algunhas persoas coma min levabamos barba coma o Che Guevara, que era unha forma de expresarnos, ou fumabamos en pipa coma Sartre. Foron cousas que me condicionaron moito na mocidade. 

- O seu pai tamén puido merecer este premio. Viviu a presión e a censura franquista como xornalista e como director de La Voz de Galicia. 

- Si, por suposto, púidoo merecer, porque viviu uns anos moi complicados e moi duros pola censura. Date conta que el publicara un artigo no xornal en galego. E chamárao Fraga indignado, porque era de Manuel Espiño Gamallo, o primeiro sacerdote que misou en galego, e publicara unha carta preguntando por que non se podía misar en galego. E chamouno Fraga ao despacho, e alí se presentou meu pai. Aqueles eran os tempos que viviamos. 

- E tivo que pagar unha multa. 

- Si, pagou. Hoxe parécenos un feito disparatado, pero daquela era así. 

- E vostede como viviu todo isto?

- Eu vivín unha infancia, xa o digo sempre, clandestina. Eu son fillo único ademais, e meu pai tiña un espírito moi protector, evitaba que eu fora descubrindo nada. Eu recordo que un día chegou miña pai a casa cuns papeis e amosoullos a miña nai dun xeito que parecían clandestinos, coa intención de que eu non me decatase. E un día fun mirarlle aqueles papeis mecanografados para ver que me estaba censurando a min, e empecei a lelos. E non atopaba nada malo.

 Logo, un día paseando con el digo "Y el sol capitán redondo lleva chaleco de raso" [versos de Lorca]. E quedou pasmado. Preguntoume de onde o sacara e pediume que non llo dixera a ninguén. Entón eu a partir daquilo empecei a ler, a ler e a ler. Parece case valleinclanesco de puro esperpento, pero era así. 

- Esta semana vai ser protagonista de varios actos de homenaxe. Entre eles, tamén vai ofrecer un relatorio na Academia Galega. Que nos contará alí?

- Falarei da miña traxectoria vital, explicando a censura que vivín. 

- Que censura viviu?

- Pois o que che contaba: non poder falar de certas cousas, ter que ler libros de xeito clandestino, etc. As primeiras persoas que romperon ese silencio foron dúas mulleres: miña nai e miña avoa. Meu pai era moi protector, e miña nai vivía na avenida de Navarra, e alí estaba o campo da Rata, que é onde fusilaban a xente. 

E ela sempre me comentaba chorando que ela non podía durmir cando estaba solteira porque oía pasar nos camións á xente que ían fusilar. E así era noite tras noite. Iso marcoume moito. A Guerra condicionou totalmente a miña infancia. 

- Exercendo a súa actividade cultural tivo algún problema deste tipo?

- Dalgunha maneira. Por exemplo, eu a primeira carreira que fixen foi Maxisterio, porque eu escoitaba dicirlle a meu avó dicir: "A Guerra Civil foi unha guerra de curas contra mestres", era unha cousa que se dicía naqueles anos. Por iso eu tiña mitificado aos mestres. Porque isto parece unha fábula, pero eran anos moi condicionados polo silencio.   (...)"                 

No hay comentarios: