5/2/16

Os que antes eran amigos, os que adulaban a Bibiano alcalde... insultaban agora a Josefina roja, a Josefina republicana, a Josefina ex convicta. Como se fose unha apestada

"Cando dezaseis meses despois por fin deixaron tamén saír á rúa á súa nai, as cousas pouco mudaran. A guerra rematara pero o peor estaba por chegar. Tras ano e medio presa no cárcere e outros dous sen poder saír da casa, Josefina non estaba preparada para o que quedaba por vir. 

A miseria da cela non doeu tanto como a miseria da xente. Os que antes eran amigos, os que adulaban a Bibiano alcalde, a Bibiano presidente da Deputación, a Bibiano deputado, insultaban agora a Josefina roja, a Josefina republicana, a Josefina ex convicta. Como se fose unha apestada. 

Mesmo houbo quen protestou porque non a fusilaran. Non houbo nada que levase peor ca iso, que a recriminasen como se tivera feito algo malo, que a insultasen pola rúa cando por fin puido volver písala como se ela ou o seu home lie fixeran mal a alguén algunha vez. Pero non ían conseguir que achantase. 

Cada domingo vestíase con esmero e ía á misa coa cabeza ben alta. A pesar das súas ideas, de ser de esquerdas e republicana, nunca perdeu a fe.  (...)

Os cartos que Bibiano mandaba por vellos coñecidos non sempre chegaban. E non era so o que quedaba polo camino. O peor para Josefina era a humillación que lle facía pasar algún, como se fose á súa casa pedindo esmola e non recoller o que xa era seu.

 Adoitaba ir soa. Carmina puxérase tan mal ao ver o xeito co que trataban á súa nai a única vez que a acompañou que non a levou con ela nunca máis. Ata que volvese o seu home, tocáballe lidar con isto soa.  (...)

A posguerra borrara os anos de bonanza e se puideron sobrevivir foi grazas á axuda dos parentes, da familia da súa irmá Mari Carmen, os Casas Arruti, dos seus tíos Tirso Santurce e Eriinda Viaño, irmá de mamá Tula, a súa defunta nai; dos amigos coma o avogado de Redondela Alfredo Lorenzo, que non so os axudaba económicamente senón que convidaba aos nenos a pasar temporadas na súa casa. 

E da xente boa que aínda quedaba na vila coma Severino Martínez e Francisco Lorenzo, que tina unha tenda na rúa e fiáballes os alimentos, ou a familia Conde Corbal, os donos da casa onde os Fernández Arruti vivían, que estiveron sen cobradles o aluguer dous anos ata que as cousas foron mellor e puideron pagarlle todo xunto. 

Os atorros fóranse esfumando e case non quedaban xoias que vender. Non so era ter que comer, tanto Josefina como Emilia tiñan claro que os tres nenos ían ter estudos e por iso, cando xa estaban no bacharelato, decidiron converter a súa casa nunha pensión para xente con posíbeis.  (...)"           

 (Montse Fajardo:  Un cesto de mazás. Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu. Ed. Consorcio Editorial Galego, 2015, p. 50/1)

No hay comentarios: