10/2/16

Antes de ser asasinado polos fascistas cedeu ás presións e aceptou celebrar o matrimonio relixioso e bautizar os fillos... para protexer a familia, e librala da persecución


 A nova no Diario de Pontevedra do 25 de setembro do 36

"(...) (Lorenzo Corbacho Rodal) foi dos primeiros que foron buscar. A el e ao alcalde, o médico don Agustín Jorge Echeverri, de Izquierda Republicana. E aos mestres comunistas de Coiro Víctor Sánchez e Vicente Saez. E a moitos máis.

Foron interrogados, aldraxados e sometidos a maltrato. Conta nas súas memorias Ángel Fernández del Río: “unha noite chamaron para declarar a Lorenzo Corbacho e Antonio Fernández* e cando regresaron estaban tan flaxelados que as tres cuartas partes das súas costas eran feridas sanguentas e non se podían tocar os seus corpos”. 
Máis tarde foron trasladados a Pontevedra, ao cárcere da antiga Escola Normal. O 19 de setembro son procesados en consello de guerra sumarísimo, acusados de rebelión militar e condenados a pena de morte Echeverri, Lorenzo Corbacho e Víctor Sánchez.
Neses días, antes da inxustiza do asasinato, Lorenzo Corbacho Rodal foi sometido a un dos actos máis infamantes que se poidan imaxinar. A humillación, a derrota definitiva.  (...)

 Antes de ser asasinado polos fascistas, Lorenzo Corbacho cedeu ás presións e aceptou celebrar o matrimonio relixioso e bautizar os fillos. 

Esa renuncia, motivada pola desesperación e polo terror das últimas horas, tiña para el un único obxectivo: protexer a familia, librala da persecución e da fame e da dor da súa ausencia, afastalos do estigma que os ía perseguir para sempre, procurarlles un salvoconduto para o futuro.
 Foi unha renuncia tráxica, dramática, cruel, terríbelmente dolorosa. Unha derrota amarga, brutal, que poñía fin a unha vida de compromiso, de sacrificio e de loita. 
Esa claudicación dolorosa e amarga foi convertida nunha infamia, nun acto de humillación e vergoña. Nun símbolo do triunfo do fascismo e da relixión homicida. E así foi proclamado, publicitado e difundido, para escarnio e escarmento.(...)"             (Non des a esquecemento, 09/02/16)

No hay comentarios: