11/9/15

A represión franquista dos Massó en Bueu

"Josefa Lobeira, compañeira de Ricardo Gómez Buceta, deixou por escrito o testemuño que o seu home lle narrara pouco antes de ser fusilado en Bueu en setembro de 1936. O corpo de Gómez Buceta, militante do Partido Galeguista e colaborador do alcalde, Johan Carballeira, nunca apareceu, como o de tantas outras persoas. 

Súa irmá Rosalía e a propia Josefa Lobeira andiveron á súa procura despois de que na noite do 5 de setembro fora un grupo de falanxistas buscalo á casa. Antes de ser asasinado Ricardo deixara constancia do responsábel da súa morte: José María Massó, o dono da vila de Bueu. 

"Se me pasa algo a min o culpábel é el", relatara Gómez Buceta á súa compañeira. O galeguista rexeitara o ofrecemento de Massó de pór o uniforme da Garda Civil e aceptar traballo na súa planta. Ricardo non quixo e el deixoulle claro que acababa de asinar a súa condena a morte. "Vaste arrepentir, aquí tiñas o porvir teu e dos teus fillos....". 

Así o recolle Luís Bará no seu blogue Non des a esquecemento, onde relata --da man da familia Gómez Lobeira e do manuscrito de Josefa-- a represión padecida pola irmá, a compañeira e as crianzas de Ricardo após o seu fusilamento. 

"Despois da desesperación de buscar e non atopar ao seu irmán [Rosalía] volveuse tola". "Estivo presa 18 días no cárcere do concello, rapárona, paseárona polas rúas da vila, sometérona ao escarnio público". Porén, nunca claudicou. 

"Presa tamén do desvarío, falaba sen medo, contra os falanxistas que mataran a Ricardo. E cando pasaba diante deles sacaba desafiante o pano que cubría a súa cabeza pelada", sinala Bará. 

Para Josefa Lobeira e @s fillas "tamén comezou daquela unha morte lenta, abafante, que se reproducía cada mañá, cada hora, cada noite de insomnio e de loito. Cada vez que se cruzaba na rúa cos asasinos, cos cómplices, cos emisarios daquel tempo de terror e de infamia que lles tronzou a vida".

"Nos dejaron en la miseria. Fuimos perseguidos como perros y mi hijo Ricardo de 11 años estuvo preso... Y además nos venían a golpear en la puerta todas las noches", escribía a propia Lobeira nas 18 liñas que intitulou La triste historia de Ricardo Gómez Buceta. 

Un dos pistoleiros que asasinaran Ricardo era coñecido. Chamábanlle Collazo e era natural de Rianxo. "A súa muller celebraba as xestas do home cun retrouso abominábel: Cada vez que mi marido mata un rojo, me como un pollo", relata Bará. Tempo despois déronlle morte en Rianxo. 

Josefa e @s fill@s acabaron por marchar desde o porto de Vigo cara á Arxentina perante a imposibilidade de continuar a vivir naquel Bueu "escuro, afogados pola ausencia, sinalados, excluídos, confinados no silencio e na miseria".          (Sermos Galiza, 11/09/2015)

No hay comentarios: