18/2/15

“Filgueira participou da represión do franquismo mais iso eliminouse dos documentos”... foi un delator de mestres

"(...) Neste sentido, os anos corenta e cincuenta na Galiza, en termos da chamada represión fría, son unha especie de burato negro onde desaparece todo, do que se fixo un expurgo selectivo. 

Exemplo diso é o caso de Filgueira Valverde que presidiu varias comisións de depuración e nos arquivos só hai cartas de petición de clemencia e outras nas que el tenta interceder por determinadas persoas. Responde ao afán por facer un debuxo para a posteridade fabricando un retrato alterado. 

-Quere dicir que do papel no réxime de Filgueira só quedaron os documentos que daban unha imaxe, por así dicilo, piadosa?

Deixa só documentos para que saia un retrato a posteridade como un individuo xenerosamente cristián. Son cartas de docentes dos anos cincuenta que sofren, que teñen enfermidades, que se encomendan á Virxe e moi católicos que apelan a el. Supoño que se expurgaría a principios dos anos setenta. Nese sentido foi astuto. Filgueira non só presidía a comisión de mestres de primaria e secundaria senón tamén a de arquivos e bibliotecas. 

-Que demostra iso?

Desde o momento que é membro non só dunha senón de varias comisións e tribunais de depuración indica a súa participación na represión. Dáse nel como unha implementación, ansia por prestar servizos ao franquismo. Noutros países chámanlle colaboracionismo. No noso caso non se estudou nin o colaboracionismo nin as delacións. Corremos un tupido velo. Os franceses e alemáns si o fixeron. 

-Semella que en Francia e Alemaña sería tamén imposíbel homenaxear a un “colaboracionista”.

Absolutamente impensábel cando aquí, pola contra, o presidente da Real Academia Galega decide chamarlle “franquiano”. Non deixa de ser un xogo de palabras que pretende furtar a realidade. No noso caso estamos empezando a ver que o papel das delacións é grande. Produciuse unha especie de colapso e mesmo houbo que paralas. 

A delación presentouse como unha obriga moral e no fondo foi unha forma rápida de implicar á sociedade civil na represión e reforzar os lazos coa ditadura. Penetrou en todo o tecido social e quebrou lazos afectivos e de solidariedade. Sen ese tipo de colaboracionismo un sistema represivo non se logra manter tantos anos despois de rematada a guerra.

-Falamos entón dunha sociedade apresada polo medo e o silencio?

Existe tamén o que lle chaman zonas grises, unha parte que non se somete e crea un discurso oculto de disenso. Déronse, por exemplo, actos de rexeitamento do Auxilio Social. O disenso foi espontáneo, de supervivencia, digamos que pospolítico, mais existiu e entra en colisión co discurso da Galiza submisa que non houbo. 

-Cal foi entón o alcance real da represión?

Trátase dunha represión paranoica, sobrante, cunha implementación excesiva. Lévanos á teoría do medo. Querían asentarse no poder e canta máis represión máis seguros estaban. A represión dura tiña como consecuencia o exilio, a fuxida ao monte, as execucións... deixaban fóra da sociedade. 

A represión blanda permitía que a poboación fora produtiva mais baixo presión dunha ameaza constante, dosificando o temor. As comisións depuradoras e os tribunais de responsabilidade política alongáronse e hai expedientes que se abren no 39 e non se pechan ate anos despois. 

-Estableceuse un sistema de control con eses mecanismos sobre a sociedade?

Querían inocular o medo e o silencio, paralizar a poboación e que as súas actividades se restrinxira ao ámbito privado e laboral. Un sistema totalitario. Os mecanismos de relación do réxime político coa poboación de control social e vixianza é de totalitarismo até finais dos anos cincuenta coa máxima intensidade no ano 41 no que Falange abre expediente a máis de 10.000 galegos.

 Nos anos cincuenta aínda se resolvían peticións de funcionarios que querían reintegrarse as súas prazas ou que rematase o seu desterro. (...)"        (Entrevista a Lucio Martínez, Sermos Galiza, 18/02/2015)

No hay comentarios: