28/10/14

Na Pena de Proendos raparon a todas as mulleres co fin de que delatasen aos seus familiares fuxidos.

Maruja Vázquez

" Detrás dunha foto de Maruja Vázquez Suárez, mestra socialista asasinada en 1936, hai unhas palabras escritas polo seu pai. “Maruja Vázquez Suárez – mestra de Miño – fusilada polos fascistas de Pontedeume el 21 de Agosto de 1936. ¡Cobardes!”, lese. 

A concelleira de Sober, Paula Vázquez Verao interpreta a mensaxe como unha chamada á memoria daquel home que caeu nunha forte depresión despois do asasinato da filla, naquel día que, ademais de a Maruja mataban tamén o futuro de seu pai. A Joaquín Vázquez lémbrano en Sober indo todas as tardes a un pequeno buraco a xeito de cova que fixera en Vilaescusa e que popularmente se coñece como “casiña do capitán”. (...)

A investigación xa non é fácil. Hai historias que se saben, episodios que doen e se lembran con terror, persoas que aínda falan, mais documentar datos é xa complexo. No blog de Paula Verao aparecen biografías de homes e mulleres que padeceron a represión mais ela sabe doutros casos dos que nin o nome se coñece.

Un dos que máis impactou na memoria colectiva, foi o dun home e unha muller asasinados na súa casa. Ela estaba a punto de dar a luz ao seu fillo. Foi en Fondón, Gundivós.  (...)

Fala dunha “espiral de violencia” con asasinatos, encarcelamentos, roubos e torturas. Vinte vítimas mortais e dúcias de apresadas con 356 rexistros documentados de persoas de Sober nas cadeas de Monforte e Lugo por causas políticas entre 1936 e 1940. 

 “A maioría da poboación de Sober percibía e percibe que a represión do rexime Franquista foi unha barbarie”, di o documento aprobado pola xunta de voceiros local por unanimidade no que se restitúe publicamente a memoria das vítimas que sofriron a represión en Sober.  (...)

No seu blog prestan especial atención á opresión que sofreron as mulleres, ás tres procesadas por rebelión militar e auxilio á rebelión -dúas labregas de Doade-, á mestra asasinada , máis tamén ás torturas, roubos e violacións ás que foron sometidas, para eliminar calquera posibilidade de rebelión naquel concello que, sen que xa a veciñanza o lembre, homes e mulleres defendían os seus dereitos con entusiasmo.

 Recolle, por exemplo, que a memoria oral de Sober di que na Pena de Proendos raparon a todas as mulleres co fin de que delatasen aos seus familiares fuxidos. Escoitou Verao tamén a testemuña de persoas que lle contaron que a unha muller lle deron a beber gasolina con augarrás para que matala lentamente.(...)"            (Sermos Galiza)

No hay comentarios: