19/5/21

Ana Cabana: “A memoria oral responde ao afán de facer xustiza ás vítimas”

"Ana Cabana (Castro de Rei, 1976) é unha historiadora de referencia para os estudos da represión e das diversas expresións de resistencia ao franquismo. Hoxe achéganos un adianto sobre as súas investigacións dos vitimarios na memoria oral que se publican no coleccionábel Os nomes do terror.

 Sinala no seu traballo que as narracións orais sobre os vitimarios “malia non ser completamente veraces en moitos aspectos non son improcedentes”, que quere dicir con isto?

 Quero dicir que os relatos poden conter alteracións con respecto ao acontecido para conseguir a súa finalidade, a condena moral dos vitimarios e a demostración de confianza en que houbo unha certa “xustiza” que provocou que padeceran algún sufrimento ou agravio por ter tido despregado tanta violencia. 

Trátase de asegurar que non había ninguén no seu enterro, cando puido haber pouca xente, de esaxerar a dor das súas enfermidades ou os días de agonía, ou de asumir que as ánimas das vítimas tiveron que ver en procesos de enfermidade mental (perda de memoria, depresións ou episodios de neurose.) ou de avultar diferentes tipo de desgrazas que lles aconteceron os represores (número de fillos mortos ou reveses económicos. Iso era unha licenza que admitían as memorias subversivas, pero o que quero subliñar con esas palabras é que non toda distorsión ou recreación tiña cabida nos relatos. 

Cabe descolorar algún recordo ou introducir algunha consideración sobre eses aspectos concretos para deixar patente que o vitimario non quedou impune, que a vida lle pasou factura, que nalgún momento probou en carne propia un pouco da dor que inflixiu,pero o relato comunitario non subsistiría se a adulteración dos episodios que se lembran se distanciaran ou terxiversaran en máis aspectos dos feitos ca ese agrandamento das coitas dos vitimarios.

Significa na súa investigación, na liña do xa adiantado noutros estudos seus que “as construcións míticas máis habituais nos relatos memorialísticos versan sobre as longas enfermidades e espantosas mortes que tiveron que soportar os perpetradores”, a que responde este tipo de relato?

 Responde ao afán de facer xustiza ás vítimas, de que estas conseguiran un mínimo resarcimento ou, se se quere ver así, unha certa vinganza. Elas sufriron, como as súas familias e achegados, e tamén o fixeron as aquelas persoas da veciñanza que viron ou souberon de episodios violentos e non puideron facer nada no momento polo terror que esas mortes causaron no colectivo. 

Pero a xente gardou o agravio na memoria e co tempo, en moitos casos superada ata xa superada a ditadura franquista. En dita memoria punitiva os represores debían pagar e penar polos seus actos, tanto antes de morrer, de aí a importancia de sinalar as durísimas enfermidades que os afectaron, que se comentan sen empatía nin pesar ningún cara o doente e como unha consecuencia lóxica e esperable de ter cometido eses terribles crimes se tratara, como no momento ou proceso da morte, que debía ser tamén mala como se aspiraba que fora a súa vida eterna.

 Tanta aflición infundiran como se agardaba que pasaran nos seus últimos anos/días de vida, era o que se sentía como xusto. A confianza en que iso acontecera era o único que resultaba medianamente reparador a nivel de psicoloxía social para aqueles e aquelas que deberon coexistir na atmosfera de horror, crueza e violencia que os vitimarios acadaron construír. As construcións memorialísticas sobreviviron como mostra patente de oprobio e pola arela de certo desquite.

Destaca nun parte do artigo que o “Romance do Comandante Moreno”, é un dos mellores expoñentes das construcións míticas vindicativas sobre os vitimarios, ¿canto hai de certo no mesmo sobre a morte e os asasinos do dirixente libertario, José Moreno Torres?

 As investigacións realizadas polos historiadores Eliseo Fernández e Dionisio Pereira sobre o movemento libertario en Galicia e, especificamente, no Dossier Acebo, e a información recadada a partir da exhumación realizada entre outubro de 2007 e marzo de 2008 pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica no Acebo demostran a fiabilidade dos datos que se consignan na letra do romance, que foi unha fórmula de facilitar a  conservación e a transmisión da memoria entre a xente na Fonsagrada e arredores. 

Certamente os membros do Batallón nº 19 Galicia retornaban a terras galegas despois da caída da Fronte Norte en outubro de 1937 e foron asasinados por membros da Falanxe de Fonsagrada no pobo do Acebo, nos límites entre ese concello lugués e o asturiano de  Grandas de Salime. No romance incídese nas delacións, no asasinato a sangue fría de parte dos milicianos, na tortura a que foi sometido José Moreno e no espolio dos seus bens persoais. 

Na letra hai algunhas imprecisións, que poden ser froito da licenza poética do propio formato, do desexo de incidir nalgún dos datos e non dar outros,ou mesmo resultado da confusión coa que se transmitiu a información oral no momento do crime. Na exhumación topáronse 13 corpos e no romance fálase de 17. “Mataron a dieciséis y al Comandante Moreno”, cantan. O romance non fai referencia tampouco a dous dos homes que acompañaban a Moreno e que conseguiron sobrevivir á masacre e chegar á Coruña, o seu destino orixinal.

 Na exhumación apareceron 3 fosas próximas, unha cos restos de 8 persoas, outra con 4 e una individual cos restos Moreno, e a letra do romance fai pensar nunha única fosa e sinala que Moreno fora “llevado a la fosa con los demás compañeros”. O romance, polo tanto, apártase moi pouco da verdade dos feitos naqueles dos seus versos que teñen por obxectivo dar conta do crime,o resto da letra é claramente vindicativa para cos represores.

Comentaba agora, que os executores de Moreno remataron por repartirse os seus bens  persoais, como o reloxo, a zamarra ou a cazadora, ¿até que punto desvalixar os cadáveres das súas vítimas foi unha practica habitual dos vitimarios?

 Era bastante usual segundo os testemuños orais. Quedaban co calzado, coa roupa de abrigo, sombreiros, cintos e calquera obxecto de valor que a vítima portara (pluma, reloxo, cadea, carteira, etc.). 

En moitos casos repartían os bens entre todos os que participaran no asasinato, quedando aquel que fora o autor directo coa mellor parte do botín. Lamentablemente era un aspecto que non quedou reflectido na documentación oficial salvo en casos moi contados nos que os mandos da Garda Civil ou de Falanxe abrían unha investigación sobre a actuación concreta dun grupo ou axente represor que se sospeitaba que cometera o asasinato para facerse cos bens da vítima, sen mediar ningunha outra razón.

O espolio era unha das cousas que máis se botaba en cara aos vitimarios nos relatos memorialísticos porque denotaba unha falta de respecto polos finados que resultaba arrepiante para os parámetros culturais existentes no momento. Denigrar os cadáveres era sumar á violencia física despregada para o asasinato unha violencia simbólica que causaba consternación nas comunidades porque supoñía alterar os valores sobre os que se asentaba a convivencia. Para reprobar este tipo de actuación comparábanse ás veces coas mortes dos vitimarios a mans de membros da guerrilla. 

Neses casos na memoria sobre as mortes protagonizadas polos guerrilleiros sempre se incidía en que ao cadáver non lle faltaba nada, non se tocara a súa roupa, nin se lle roubaran os cartos ou bens que portara e, ás veces, ata se comenta que se mudara a posturado corpo para que non resultara indecorosa. Subliñábase a dignidade dese tipo de morte violenta na que non había aldraxe algunha aos defuntos fronte a ignominia que gobernaba os asasinatos dos represores, que denigraban os corpos intencionadamente. Moralmente eran cousas diametralmente diferentes e as memorias así o sancionan.

 Un dos bens das vítimas que a tradición popular sitúa como un dos obxectos máis desexados polos vitimarios é o reloxo, que significado ten o roubo do reloxo na tradición oral dos vitimarios?

O reloxo era o obxecto máis custoso que podía levar a vítima enriba no momento da súa morte, polo que subtraelo respondía a un móbil económico. En moitos casos temos información da intención do vitimario de revender o reloxo para facerse con cartos en efectivo en reloxerías da zona ou das capitais de provincia.

 Pero o interese económico non foi nin moito menos o único que levaba ao seu furto. Os vitimarios quedaban cos reloxos e lucíanos nos seus pulsos ou petos porque eran vistos como un trofeo. O reloxo identificaba ao seu posuidor,era recoñecible para as familias da vítima e para a súa veciñanza, polo que para o vitimario apropiarse del era recoñecer e presumir publicamente de ter sido o autor do asasinato. Era unha confesión e ao mesmo tempo un alarde de impunidade sen igual. 

A tradición oral converte o roubo do reloxo nun asunto maior de violencia simbólica en tanto que era unha xoia que acostumaba a recibirse de xeracións anteriores, pasábase de pais, avós ou padriños a fillos, netos ou afillados e romper esta sucesión e crebar con todos os recordos que accionaba unha xoia herdada era visto como unha crueldade extrema, unha afronta irreparable. Iso fixo que a subtracción dos reloxos se convertera nun asunto central de denuncia contra os represores nas memorias vindicativas. Era sentido como un aldraxe que había que sumar á violencia física despregada e que, igual ca aquela, debía ser reparada por esa xustiza final na que se confiaba ou, cando menos, se anhelaba."                 (Entrevista a Ana Cabana, historiadora, Nós, 15/12/20)

No hay comentarios: