[Imaxe: Sermos Galiza] A Escuadra Negra de Eirexalba (O Incio)
"Está a piques de saír do prelo Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existiron,
o primeiro achegamento sistemático ao estudo dos represores na Galiza
que racha con este tabú nos traballos da memoria histórica e pon en
negro sobre branco os nomes, as causas e as metodoloxías usadas polo
terror.
Este traballo, que publica Sermos Galiza e estará nas librarías a
partir do Día da Patria Galega, 25 de xullo, está coordinado polos
historiadores Xosé Ramón Ermida, Dionisio Pereira, Eliseo Fernández e
Xoán Carlos Garrido. E nel participan moitos dos principais
investigadores desta época na Galiza, como Emilio Grandío, Carlos Nuevo
Cal, Bernardo Máiz, Xosé Álvarez, Manuel Pazos, Judith Carbajo, Ana
Cebreiros, Carlos F. Velasco ou Julio Prada.
Nel abórdase a represión fascista nas comarcas de Pontevedra, o sur
de Lugo, Ferrol, A Coruña, a Mariña, Ordes e Terra de Montes, ademais de
temas como os procedementos e actuacións dos represores, as mulleres
falanxistas, o papel da Igrexa, os tribunais militares e a represión
económica.
Trátase do primeiro traballo que estuda de forma global este fenómeno
que completa o relato histórico desde outra perspectiva. Segundo un dos
coordinadores, Xosé Ramón Ermida, "este libro ten vontade iniciática,
pretendemos abrir un debate. Non é un libro que feche nada, o que
queremos é favorecer o coñecemento sobre iso. A intención é darlle
continuidade nas dúas perspectivas, a territorial e a temática, porque
quedan outras moitas comarcas e tamén outros temas vinculados, como o
papel da patronal na represión, por exemplo".
Xoán Carlos Garrido tamén mantén que este é só un comezo: "Estamos
abrindo un camiño, pero a represión como estudo estrutural require que
os estudos parciais se vaian acumulando e se lle dea un marco xeral,
estudando o porqué e o como. Pero creo tamén que os autores que aparecen
no libro son xente que leva traballando no tema moitos anos, como
Bernardo Máiz ou Dionisio Pereira, que levan 30 anos con isto".
O silencio sobre os verdugos
"Este é un traballo moi agardado desde hai tempo", afirma Ermida. "É
necesario falar dos verdugos porque hai vítimas. Se hai un Alexandre
Bóveda asasinado na Caeira é que hai un Lis Quibén perseguindo
demócratas nas terras de Pontevedra". A razón sobre o silencio atópaa o
historiador ligada á política de reconciliación nacional "que
impón o PCE", e o momento clave é o pacto do 78, "que levan adiante os
herdeiros políticos dos verdugos e unha parte dos herdeiros políticos
das vítimas".
Estamos diante dun traballo valente dada a cantidade de
investigadoras e investigadores procesados nas últimas décadas. "Tanto
os coordinadores como os autores sabemos que xogamos con lume", recoñece
Garrido. "O franquismo non rematou e somos conscientes de que non
estamos libres de que nos denuncien, pero tamén é certo que nós andamos
con coidado. Se non for así igual seriamos máis ousados á hora de
apuntar hipóteses. Neste caso practicamente tes que facer ti o que non
fixo a policía ou os xuíces, que é descubrir e probar ti quen foron os
autores. A nós esíxesenos non desde o punto de vista académico, senón
penal".
Os nomes que aparecen son, na súa maioría, tirados de fontes dos
propios consellos de guerra franquista "onde aparece referenciada a
actividade represiva tanto de persoas ligadas á Falanxe como as milicias
paramilitares vinculadas ao réxime", explica Xosé Ramón Ermida. Outra
parte recolle testemuños directos de persoas que o deixaron por escrito,
formaran parte da propia represión ou presenciárana de forma directa.
Permanencia no poder
E esta dificultade para investigar explica tamén o que pasou aquí e
por que atopamos apelidos entre os represores que despois da Transición
continuaron sendo parte das elites do Estado español, como Rosón ou
López-Sors. "Cando estudamos os represores e as ramificacións que teñen,
e como se beneficiaron os que hoxe son demócratas de toda a vida do
botín obtido grazas á represión, entendemos por que nós non podemos
estudar de maneira normal ese período como se estuda calquera outro. Hai
moito interese en ocultar a orixe das fortunas e dos privilexios de
moitas clases, persoas e colectivos que hoxe ostentan unha posición
grazas ao crime, ao asasinato e ao roubo e todo iso", di Garrido.
"Moitas das persoas directamente implicadas en labores represivos son
persoas que seguen ocupando cargos de relevo nas corporacións
franquistas e nas primeiras da democracia, e que a partir do 78 ocupan
cargos de responsabilidade tanto en UCD como en Alianza Popular. Moitos
foron recolocados polo propio réxime nas súas estruturas de poder",
conta Ermida, quen tamén lembra que outros moitos remataron como
funcionarios das cámaras agrarias ou nos sindicatos verticais.
Máis dificultades ca nunca
A obra mantén, asemade, que o dereito a saber e a liberdade para
investigar seguen postos en dúbida. Un bo exemplo é que aínda quedan
moitos arquivos que non se puxeron a disposición pública, como os das
comisarías, delegacións da orde pública e comandancias da Garda Civil.
E, apunta Garrido, "hai algúns que se están a fechar, sobre todo cando
foi o boom da memoria histórica a raíz do bipartito, que provocou
unha reacción, por unha banda con denuncias e por outra coa destrución
de arquivos familiares". Alén disto, quéixase, "arquivos aos que antes
se podía acceder, coa Lei de Protección de Datos non fan máis que poñer
dificultades. E a Lei da Memoria que ía abrir os arquivos non valeu para
nada. Os que estamos a investigar estamos atopando máis dificultades
que hai dez ou vinte anos".
Preguntado pola tipoloxía dos represores, o historiador Xoán Carlos
Garrido nega que se poida facer unha clasificación: "A represión existe
porque hai colectivos ou clases interesadas en que exista para os seus
obxectivos. A Igrexa, por exemplo, ou certos colectivos militares, a
patronal, e despois hai todo un grupo de lumpen e de persoas que a
título individual aproveitaron a oportunidade na medida en que non tiñan
moitos escrúpulos e a situación ofrecía unha posibilidade de medrar a
conta destes crimes".
E, insiste, "que ninguén pense que a represión é produto de
psicópatas. Os psicópatas foron usados pola xente de ben e de orde que
quería conservar os seus privilexios. A represión non existiría
simplemente por xente que desfruta cortando testículos e violando".
El
prefire estabelecer grupos de interese "porque o ser humano é moi
contraditorio: hai xente capaz de matar e de salvar. Por exemplo, o
gobernador civil, o carniceiro de Extremadura, cando chegou a Pontevedra
puxo orde nalgunhas cuestións da represión e mesmo na recuperación de
fillos de vítimas da represión cos que se quedaran algúns militares.
Onde encaixa Gómez Canto para estabelecer un tipo de represor?",
pregúntase.
E explica as razóns da Igrexa, tema analizado por el no
libro, "que apoia a represión porque quere manter un status que tiña
antes do 36 e mesmo melloralo, porque quedaron moito mellor que antes da
República".
Mentres, Ermida fala dun perfil que el chama o "falanxista quinqui",
que utiliza o terror e o asasinato para enriquecerse. "É o caso de
González Zaera, por exemplo, un fascista de primeira hora que aproveita a
represión para facturar, desde cobrar para non matarlle o parente a
pasar o cepillo para poder visitar alguén á cadea".
De Interviú secuestrado a Dionisio Pereira
Desde a política de reconciliación nacional e a Lei de
Amnistía, os problemas xudiciais contra calquera que publicase nomes de
represores sucedéronse desde a mesma Transición. O secuestro da revista Interviú
en 1978 pola querela dos irmáns Rosón (mentres un deles -Antonio- era
presidente da pre-autonomía galega), identificados nun artigo daquel
semanario como protagonistas da represión no leste de Lugo, foi un claro
aviso a navegantes. Máis tarde, en 1981, mentres se producía o golpe de
estado, secuestrábase o documentario Rocío, en que se amosaba un discurso crítico co feche da Transición e se mencionaba os verdugos.
E un dos coordenadores deste libro, Dionisio Pereira, foi demandado
en 2007 pola familia do ex alcalde franquista de Cercedo, Manuel
Gutiérrez, por involucralo na represión cando fora xefe da Falanxe nesta
localidade. Non foi exonerado até 2009, cando a Audiencia Provincial de
Pontevedra o absolveu cunha sentenza que confirmaba que o historiador
contaba con fonte sólidas, de carácter tanto arquivístico como oral." ( R. Castro, Sermos Galiza, 14/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario