21/5/21

Vítimas e verdugos nos Ancares

 O significado represor, Jerónimo Meira ‘O Portugués’, con boina, conversando co xornalista José Luís Morales, autor da reportaxe "Los Rosón, azote de Galicia", sobre os vitimarios nos Ancares, que provocou o secuestro da revista ‘Interviu’ en 1978. (Foto: Interviu)

 "Poucos son os que se atreven a falar da represión durante e despois da guerra, algunhas pantasmas aínda sobrevoan a comarca dos Ancares. No ano 2014, veciñanza da parroquia de Rao, en Navia de Suarna, quixo impedir os traballos de exhumación no cemiterio de Salvador Voces Canóniga un guerrilleiro do Bierzo morto pola Garda Civil en outubro de 1948. En 2016 tamén houbo quen se opuxo á recuperación do corpo de José García Espinosa, ‘O Pelegrín’, paseado entre As Cruces e A Alence, nas Nogais, en setembro de 1936. 

 Desde o comezo do golpe militar, o aparello represivo na comarca dos Ancares comezou a organizarse, labor que debeu levar algún tempo. De feito, o primeiro "paseo" documentado foi o de Alfredo Pérez Fernández, en Galegos, Navia de Suarna, o 14 de agosto de 1936, perpetrado, disque, polos "Sarrianos", un grupo formado por falanxistas de Láncara e Sarria. 

Algúns datos apuntan a que esa demora na organización na comarca se debeu, en gran parte, á falta de colaboración entre a Garda Civil española e a Falanxe, ao menos nos concellos de Becerreá e Cervantes. Segundo fontes orais, a principios de agosto do 36, na paraxe da Moura, moi preto de Becerreá, un garda foi insultado por un grupo de falanxistas ao impedir que lles requisaran os cartos a un home que viña da feira despois de vender uns xatos.

Outro garda, de nome Anselmo, enfrontouse a dous falanxistas no Portelo, ‘O Portugués’ e Manuel de Vilarello, cando estaban a requisar os produtos que uns homes da Braña (O Bierzo) levaban á feira de Pedrafita do Cebreiro.

 O 16 de febreiro de 1937, Antonio Rosón Pérez, "hermano del Jefe de Información, Prensa y Propaganda de la Falange Española de Becerreá", declarou (Causa 339-37) contra o brigada da Garda Civil Emilio Baliño, comandante do posto de Becerreá, acusándoo de ter actuado con pasividade e "negligencia en el cumplimiento de su deber" durante os sucesos acontecidos na vila o 19 de xullo de 1936, cando os republicanos convocaron unha manifestación para amosar a súa repulsa polo golpe militar do día anterior.

Na declaración, Antonio Rosón, que non estaba presente o día dos feitos, di que "por manifestaciones de personas de solvencia, por las que tuvo conocimiento de que el Brigada Comandante del puesto parlamentó con los rebeldes y que les hizo manifestaciones en el sentido... que no le importaba ni le interesaba la ocupación de la iglesia... Al arrancar el automóvil con dirección a Lugo, hizo manifestaciones o gestos marxistas". Cando o sacristán, de nome Antonio, lle propuxo "albergarse dentro de la iglesia para defenderla a tiros... el declarante dice que ofreció su prestación personal, pero le hizo ver la dificultad derivada de la falta de armas".

 Esa ausencia de colaboración entre a Falanxe e a Garda Civil tamén se documenta no concello de Cervantes. No mes de febreiro de 1937, sendo alcalde da nova xestora Manuel Cedrón Fernández, destitúese até o daquela secretario municipal Pascual Rosón Pérez. Se ben o motivo foi o nomeamento irregular asinado polo anterior alcalde, a corporación municipal, en sesión extraordinaria do día 26 de febreiro, acordou que testificaran "cuantas personas se crean perjudicadas con la actuación de Don Pascual Rosón Pérez en los últimos meses".

Veciñas e veciños de Vimieiro, San Miguel, Covas, Santalla, Castelo de Cais, O Comeal, Pandelo, Olmos, Pando, Cabanaxaraz, Vilar de Donís, Moreira, Piornedo, Chao de Vilarín, Porcís e Paderne acusan o secretario e xefe local da Falanxe de esixirlle cartos, unhas veces destinados ao exército, e noutras sen dicir a dirección. "                (Xavier Moure Salgado, Nós, 15/12/20)

No hay comentarios: