"Asistimos a un proceso de ocultación do papel da Garda Civil no
operativo represivo franquista. A operación contextualízase no proceso
de lexitimación do modelo político institucionalizado na constitución de
1978 e tenta camuflar as responsabilidades de institucións centrais
durante a ditadura que seguen a xogar un papel chave no réxime vixente.
A Garda Civil, un corpo chave no xenocidio franquista
A construción do discurso obriga a excluír do relato histórico a
executoria da Benemérita no combate á democracia e na persecución a
disidencia política e a súa función determinante na organización e
funcionamento da maquinaria represiva así como na imposición do terror.
A referida formulación ideolóxica coxea cando analizamos a xeografía do
xenocidio en Galiza, atopando á fronte da mesma a mandos da Garda
Civil como Florentino González Vallés en Lugo, A Coruña ou Donostia, a
Xoán Aranguren Ponte n´A Mariña, a Francisco González “O Rabioso” en
Vigo, a Ricardo Macarrón en Pontevedra ou a Xosé Leseduarte en Santiago
de Compostela.
Un represor antes de 1936
Victoriano Suanzes Suanzes significouse dese moi novo pola súas
convicións reaccionarias. Nado en 1903, nunha familia vinculada de vello
a armada, era fillo, neto, sobriño, irmán e curmán de
militares,seguindo el mesmo eses estudos, para ser destinado
posteriormente a Marrocos, onde combateu a revolta do Rif nas filas do
rexemento de León, sendo ferido en diversas ocasións e acadando o grao
de capitán. Incorporado á Guarda Civil, serviu en diversos destinos, a
comezar pola comandancia de Oviedo e a seguir polo posto de Xuvia, onde
destacaría polo súa persecución aos demócratas, particularmente a raíz
da revolución de outubro de 1934.
Son numerosos as noticias de prensa da época que o vinculan á
represión aos militantes de esquerda, marchando como voluntario a
Asturias en novembro de 1934, canda outros números da benemérita da
comarca ferrolá que se distinguirán en 1936 pola súa brutalidade, para
combater e reprimir a revolta. A súas posicións reaccionarias non
pasaron desapercibidas para as autoridades da Fronte Popular que
remataron por trasladalo fora de Galiza, atopándose destinado en
Barcelona o 18 de xullo de 1936.
Victoriano Suanzes no epicentro da represión en Trasancos
A súa actuación será determinante nos momentos máis duros da
represión en Trasancos. Após fuxir da Barcelona democrática vía Franza
volverá a Galiza, non tardando en ser nomeado en agosto de 1936 Delegado
da Orde Pública en Ferrol, unha responsabilidade a onde chegaría
apoiado pola súa fama de duro, as súas ligazóns familiares e os seus
contactos con aqueles mandos da Garda Civil situados nos postos chave da
urdime represiva.
Os dados ofrecidos por Eliseo Fernández, o investigador ferrolán que
máis se ten ocupado do labor de Victoriano Suanzes, non deixa dúbidas ao
demostrar a súa responsabilidade nas execucións parelegais en Ferrol,
sinalando que “de 715 asasinados en Ferrol entre 1936 e 1939,
mais de 400 persoas executadas extraxudicialmente fórono no período en
que a bisbarra estivo baixo o mando de Suanzes”.
Se estas cifras son abondo clarificadoras, tendo en conta que
Victoriano Suanzes só estivo ao fronte da Delegación da Orde Pública
durante tres meses entre agosto e outubro de 1936, non é menos outra
achega de Fernández en relación coas sacas de presos onde certifica que
“24 presos desembarcados do “Plus Ultra” por orde do Delegado de Orden
Público Victoriano Suanzes e 7 presos desembarcados por orde Xefe de
Policía Xosé María Pagola estaban entre os asasinados con diversos
pretextos”.
Un protexido do franquismo
Victoriano Suanzes desenvolvería unha destacada carreira dentro do
réxime, morrendo en 1967 como xeneral da Garda Civil. Malia que a súa
saída da Delegación da orde pública de Ferrol en novembro de 1936
significou unha sorte de cese encuberto, provocado polo descontento cos
seus excesos por parte de sectores do franquismo e particularmente da
igrexa que o culpaba do asasinato do crego do Val do Xestoso Andrés
Ares Díaz, non tardaría en ser recuperado e mesmo ascendido en outubro
de 1937 como Delegado provincial da orde pública e por conseguinte como
máximo responsábel do conglomerado represivo na Coruña.
A súa labor e os seus ascensos no corpo militar seguirían ligados á
denominada loita contra a insurxencia, até o punto de pasar ser unha
autoridade na materia e mesmo dislocarse fora do Estado para a formación
de diversos corpos policiais, como aconteceu co peruano, sendo autor
dalgunha publicación sobre o tema." (Cilia Torna, Nós, 19/11/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario