11/11/13

“Que se joda para nos o matar é unha honra”

"(...) Un concelleiro da Fronte Popular de Paradela, probabelmente veciño de Castro de Rei de Lemos, agochado como topo durante 7 anos en Escairón, capitalidade do  Concello de Saviñao, deixaría testemuño escrito daqueles días dramáticos de Xullo de 1936 en Paradela, (...)

O documento... foi atopado vai para dez anos mentres se acometían unhas obras de reforma nunha casa de Escairón onde o seu suposto autor permaneceu aloxado fuxindo das bestas, fosen de Bóveda, Monforte, Sarria ou Paradela. (...)

Non é este documento que hoxe damos a coñecer un texto excepcional pero si unha información de primeira mao que lle pon nome aos verdugos, que lle da nome aos vítimas e que como outros tantos manuscritos deste tipo existentes noutros territorios galegos, remata por converterse nunha auténtica causa xeneral, esta sí argumentada e chea de xustiza, contra o fascismo.  

Neste inventario de brutalidade un dos crimes que máis pouso de terror deixaron ao longo da Comarca foi o de Perico de Caraba ás beiras do Río Loio a dous kilómetros da Casa do Concello. O noso cronista deixou escrito nos seus papeis que: “Houbo quen o sentiu berrar, de Pacios e outros pobos, que desconsolaba ver o que fixeron con el antes de fusilalo, e unha vez que tal feito se consumou estes criminais chegaron moi contentos ao cuartel de Pacios, ou sexa o de Paradela, contándollo aos seus xefeciños e entón dixéronlle ao cociñeiro: “Un lacón máis ao pote que xa hai outro porco morto”.

Porén os paseos comezaran o 10 de agosto, “xa de regreso a Bóveda, e no lugar do Espiño, onde colleron ao republica Alexandre López ao que levaron con eles e ao baixar o monte coñecido polos “Carrascais” de Teilán asasinárono covardemente cruzándolle o peito a tiros segundo o levaban diante. Mandaba esta escuadra o famoso Louredo de Bóveda”.

Non tivo mellor sorte Dositeo Pérez Fernández, natural de Bustaregas en Castro de Rei de Lemos, que andaba agochada en Gondar de Alosende e a quen unía amizade e militancia con dous obreiros portugueses, dos dirixentes operarios máis recoñecidos da zona á cuxa cabeza tiñan posto prezo, que traballan nas contratas do ferrocarril, o “Bento” e o “Ferreira”. 

Este noso Dositeo morreu a mans dun amigo, segundo informa nestes papeis o noso veciño de Castro de Rei de Lemos, que ao saber quen era o morto afirmou “Que se joda para nos o matar é unha honra” O crime atribuído nesta crónica a “Amieira de Villaesteba”, persoa ao parecer vinculada a “Banda Negra de Monforte” retrátanos o particular libro de estilo daqueles días ao poñer na boca deste a seguinte afirmación: “Mira, o teu sogro é gordo, pero seis máis gordos aínda chos deixamos tirados como seis porcos na estrada, e aínda tiñan ben cartos, que eramos catro e tocáronos a vinte e tres pesos e unha peseta e tres reloxos e algúns botóns de ouro”. (...)

non poden faltar os nomes dos dirixentes da reacción comezando polo secretario de Nicolás Franco, deputado cedista, posteriormente executado polos propios falanxistas e home forte da dereita en Lugo, “o ex deputado Saco que se presentou na feira de Castro cos seus compinches, e foi tal a borracheira que alí mesmo asasinaron a un compañeiro da Falanxe”.
 
Para continuar o relato “alí lucíanse os xefeciños da Falanxe, tais como o Médico Don  Pedro  Gudín, o Dentista San Cristovo de Martiño, O Roxo de Vilamaior, os seus veciños David de Bustaregas, a estes dous últimos non os cito como xefazos senón coma veciños”. 

Á par dos falanxistas aparecen as forzas conservadoras que operaron como autentico grupo dirixente, no campo sublevado, de xeito moi particular o elemento militar e eclesiástico até o punto de afirmar o noso informante que “non lles importaba que quedasen orfos e viúvas, pois tanto a eles como aos cregos, non se lles escoitaba outras palabras agás “que había que acabar con nos”, “que a mala herba”, dicían os que din ser ministros de Cristo, “que había que cortala”. Reparade en quen dí isto, os que levando a Cristo de careta foron o móbil de todo o que ocorre en España, moi orgullosos dos crimes que cometían os esbirros da Falanxe, que ao seu servizo cometían os brutais crimes”.       (Sermos Galiza, 01/11/2013)

No hay comentarios: